O Concello de Ponteareas quere trasladar publicamente a súa felicitación aos bombeiros do Parque Municipal de Ponteareas que veñen de recibir o distintivo honorífico de participación nos dispositivos de emerxencia e seguridade con motivo da DANA de 2024, segundo recolle a Orde Ministerial de concesión publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Os bombeiros distinguidos foron o xefe do parque Roberto Castro Alonso e os profesionais Carlos Carrera Novoa, José Rodríguez Cuña e Pablo Araújo Fernández, en recoñecemento á súa entrega, profesionalidade e compromiso nun operativo de emerxencia sen precedentes pola súa complexidade, extensión e impacto.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto co tenente de alcaldesa Juan Carlos González Carrera, recibiron aos bombeiros no salón de plenos do Concello, onde lles trasladaron persoalmente «o orgullo e o agradecemento de toda a corporación municipal e da veciñanza polo labor realizado».
Desde o Concello destácase a importancia estratéxica do Parque de Bombeiros de Ponteareas creado no ano 1996 para dar cobertura en todos os lugares onde era requerido porque naquel momento non existía ningún outro parque comarcal. Na actualidade, presta servizo nos cinco concellos da comarca do Condado aínda que tamén intervén nos concellos de A Caniza, Arbo, Covelo e Crecente ao carecer a comarca de A Paradanta dun parque comarcal de bombeiros. O parque de bombeiros de Ponteareas colabora de maneira activa nos operativos de seguridade das principais festas e eventos que se celebran en Ponteareas. Un traballo que vai máis alá da resposta ás emerxencias e que se completa cun firme compromiso social, participando de maneira habitual en actividades de concienciación, prevención e formación dirixidas tanto á poboación escolar como á cidadanía en xeral.
Os distintivos honoríficos foron propostos pola Secretaría de Estado de Seguridade e pola Subsecretaría do Interior e concedidos polo Ministerio do Interior, en recoñecemento á intervención e ao despregamento de todos os servizos de emerxencias implicados na xestión dos efectos da DANA. Unha actuación que puxo de manifesto, tal e como sinala a propia Orde Ministerial, as capacidades e a elevada profesionalidade dos servizos de protección civil e emerxencias, así como das Forzas e Corpos de Seguridade.

