miércoles, enero 14, 2026
InicioNewsMedio Rural compromete incrementar os controis ante o acordo UE-Mercosur

Medio Rural compromete incrementar os controis ante o acordo UE-Mercosur

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprometeuse hoxe a incrementar os controis ante o acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Neste sentido, tamén avanzou unha estratexia para aumentar a promoción dos produtos galegos en xeral e daqueles de calidade diferenciada en específico, un labor para o que citará aos representantes da distribución, como parte esencial da cadea de valor.

Foi nunha reunión en Ourense con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo. Este encontro, que se suma ao mantido con este mesmo colectivo o pasado día 5 de xaneiro, forma parte dos contactos permanentes co sector establecidos por parte da Xunta de Galicia. De feito, mañá haberá outra xuntanza con gandeiros de Lugo e o venres está tamén convocada a primeira reunión da comisión de traballo sobre a futura PAC no seo do Consello Agrario, no que tamén se abordará o tema de Mercosur. 

Escoita das demandas do sector

Con estas citas ponse de manifesto que o Goberno galego está ao carón do sector primario e é sensible ás súas reclamacións nestes asuntos.  A maiores tamén se trataron temas de interese de índole local, provincial e sectorial sobre os diversos ámbitos representados na reunión. Así, ao fío do acordo co Mercosur, a conselleira insistiu en esixir que calquera produto que entre en España cumpra os mesmos requisitos sanitarios que xa cumpren os produtores da Unión Europea, que a maiores teñen outras garantías de calidade e sustentabilidade que lle aportan un valor diferencial aos produtos. 

Do mesmo xeito que avanzou que se incrementarán os controis, este reforzo debe ir tamén acompasado, tal e como trasladou, de intensificar as inspeccións na fronteira, cuestión que é competencia do Goberno central. Sobre as cláusulas de salvagarda remarcou que son imprescindibles para a Xunta de Galicia, que se deben garantir en todo momento no acordo, e por iso tamén se segue instando ao Goberno de España a defender de xeito máis esixente este punto.

Futura PAC

Sobre a Política Agraria Común, Gómez avalou a redución da burocracia, requisitos e simplificación nesta política e, de cara á futura PAC post 2028, reiterou que a proposta da Comisión Europea non é boa para o sector primario galego, «xa que supón un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais que blindan non só as axudas directas, senón tamén as partidas de desenvolvemento rural». Por iso, comprometeuse a seguir defendendo esta postura e un cambio na proposta comunitaria ante o Ministerio e en Bruxelas. De feito, será o asunto principal que se abordará este venres no seo do Consello Agrario. 

En materia de sanidade animal, a conselleira incidiu no compromiso do seu departamento para manter o excelente status sanitario da cabana gandeira galega. Nesta liña, e en relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), fixo fincapé na mensaxe de tranquilidade ao sector, lembrando que en España esta doenza só está presente na provincia de Girona. 

Asemade, reafirmou a reclamación ao Ministerio de maior coordinación a nivel nacional, para impulsar medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades. Tamén, que lidere no marco da UE unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva, que solicite o cambio de categoría da enfermidade (rebaixándoa de categoría A) e que contemple indemnizacións contundentes para os gandeiros afectados. Polo demais, aseverou que, no caso de detectarse algún caso desta enfermidade en Galicia, a Xunta está preparada, posto que existe un plan de actuación xa elaborado.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS