lunes, enero 12, 2026
InicioNewsComarcasMos recibe a solicitude de licenza para o novo Centro de Coidados...

Mos recibe a solicitude de licenza para o novo Centro de Coidados Intermedios do Rebullón

O Concello de Mos vén de recibir a solicitude de licenza urbanística presentada pola Xunta de Galicia para a execución do novo Centro Público de Coidados Intermedios que se proxecta no antigo Hospital do Rebullón, tras o acordo adoptado polo Consello da Xunta o pasado 15 de decembro de autorizar a licitación das obras

Segundo o anunciado pola Xunta de Galicia, o proxecto contará cun orzamento de 11,6 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), e cun prazo de execución previsto de 18 meses desde o inicio das obras.

Este novo centro estará destinado á atención de persoas maiores que xa recibiron a alta hospitalaria pero que aínda precisan coidados específicos antes de regresar ao seu domicilio ou a un centro residencial, reforzando así a continuidade asistencial entre o ámbito sanitario e o social.

A presentación da solicitude de licenza ante o Concello de Mos supón o inicio da tramitación municipal necesaria para poder executar as obras, que será analizada polos servizos técnicos e xurídicos conforme á normativa urbanística vixente.

Dado que se trata dun equipamento público de interese xeral, o Concello tramitará tamén a proposta para que o asunto sexa elevado ao Pleno da Corporación, co obxectivo de aplicar a bonificación prevista nas ordenanzas fiscais para este tipo de actuacións, se así o aproba o órgano plenario.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “a entrada deste proxecto no Concello marca un momento clave para unha infraestrutura que terá un impacto directo na calidade de vida das persoas maiores e das súas familias”.

Arévalo engadiu que “a recuperación do antigo Hospital de Rebullón para un uso público e social é unha excelente noticia para Mos e para toda a área, e desde o Concello traballaremos para que a tramitación se realice con rigor, seguridade xurídica e coa maior axilidade posible”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS