O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegurou hoxe que a Xunta “comparte a preocupación” de gandeiros e agricultores polo acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur, e esixirá “que calquera produto que entre en España cumpra os mesmos requisitos e garantías que a nosa produción, para que non prexudique ao sector primario galego”.
Arias reuniuse hoxe cunha delegación das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, promotoras da manifestación convocada en Lugo contra o acordo de libre comercio entre o bloque comunitario e os países que integran Mercosur. Comunicoulles que a Xunta instará ao Goberno de España a facer un exhaustivo control de fronteiras e asegurarse de que os produtos agroalimentarios de terceiros países “cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os comunitarios”.
No encontro, o delegado sinalou tamén que o Goberno autonómico quere crear unha fronte común coas organizacións profesionais agrarias contra a proposta da Comisión Europea de recortar os fondos da PAC, “nun contexto no que son aínda máis necesarios se cabe”. Lembrou que esta semana se celebrará a primeira reunión da comisión de traballo específica sobre a nova Política Agraria Común no seo do Consello Agrario, e incidiu en que a Xunta seguirá defendendo “unha PAC forte, con financiamento suficiente e fondos diferenciados para seguir cubrindo as necesidades do campo galego”. As propostas actuais poderían supoñer unha redución de cando menos o 22% dos fondos destinados a Galicia, o que se traduciría en arredor de 80 millóns de euros anuais menos para o sector.

