A Xunta de Galicia adxudicou hoxe, de xeito provisional, as 20 vivendas de promoción pública que constrúe en San Eleuterio, no concello de Mos, tras o sorteo celebrado ante notario no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo. Unha vez rematado o acto, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na visita ao edificio, na que estiveron acompañadas tamén pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polos concelleiros José Ramilo, Camilo Grandal, Felisa Rodríguez e Laura Méndez.
Como son os pisos?
As vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro por un período inicial de 7 anos, prorrogables, e distribúense en pisos de 4, 3 e 2 dormitorios, todos eles con garaxe e rocho. As 20 vivendas sorteáronse distribuídas en 4 lotes. No primeiro, a vivenda adaptada de 3 dormitorios; no segundo, 2 vivendas de 4 dormitorios; e no terceiro, as 13 vivendas de 3 dormitorios. No último lote sorteáronse as 4 vivendas de 2 dormitorios. Ademais, designáronse 88 reservas: 8 para o Lote 1, 16 no Lote 2, 52 no Lote 3 e 12 no Lote 4.
Como medida destacada, o 50% das vivendas resérvanse a menores de 36 anos, co obxectivo de facilitar o acceso da mocidade ao seu primeiro fogar. Entre os requisitos para acceder a estes inmobles atópase contar con ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 3 veces o IPREM, así como residir ou traballar no concello de Mos.
Fase final de execución
O edificio, cun investimento que supera os 4,4 millóns de euros, atópase xa na súa fase final de execución. Na súa construción estanse a empregar técnicas industrializadas, que permiten mellorar os prazos e a calidade da obra, e inclúe tamén zonas verdes integradas na contorna, «contribuíndo á mellora urbana do ámbito de San Eleuterio», segundo indican desde a administración local.
Vivenda accesible
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, valorou moi positivamente tanto a adxudicación provisional como o estado da obra: “Estamos ante un proxecto moi importante para Mos, que responde a unha necesidade real de vivenda accesible. Ver as obras tan avanzadas confirma que pronto estas 20 vivendas serán fogares para familias e mozos e mozas no noso Concello”.
Arévalo salientou tamén a cooperación institucional: “A colaboración coa Xunta de Galicia está a dar froitos concretos. Este investimento non só amplía a oferta de vivenda pública, senón que tamén contribúe a facer de Mos un concello máis atractivo para vivir e para desenvolver un proxecto de vida”.
Unha vez publicada a listaxe provisional de persoas adxudicatarias na páxina web do Instituto Galego de Vivenda e Solo, abrirase un prazo de 10 días para a revisión de datos e a presentación de reclamacións, tras o cal se fará pública a listaxe definitiva.

