A Xunta de Galicia comeza a desenvolver o seu Orzamento de 2026 en materia de obras en centros educativos coa licitación das primeiras 16 actuacións por un importe de máis de 16 M€. Así o expuxo hoxe en Camariñas o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que visitou o Colexio O Areal de Camariñas para presentar o proxecto de rehabilitación integral, unha das obras cuxo proceso de contratación vén de iniciar o seu departamento.
O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que estas actuacións forman parte da partida de 73,6 M€ que a Consellería incluíu nas contas do novo exercicio, no que vai investir un 4% máis do destinado para avanzar tanto na mellora dos colexios e institutos existentes, como na ampliación doutros e na construción de tres novos.
Román Rodríguez recordou que a Xunta asume en solitario o custo destas melloras. Neste sentido, lamentou que o Goberno central se negue as propostas formuladas desde Galicia: habilitar un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas, dotado con fondos para apoiar as obras necesarias por mor do paso do tempo, e a reducir ao 10% o IVE deste tipo de intervencións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico.
“Ambas cuestións foron aprobadas no Parlamento e serían moi beneficiosas para o sistema educativo público, dado que permitirían avanzar máis rápido na modernización das súas infraestruturas”, destacou o conselleiro. “Aínda que insistimos en varias ocasións, o Goberno estatal non parece disposto a asumir responsabilidades neste eido”, dixo.
Compromiso coa renovación dos centros
As primeiras 16 obras de 2026 son unha mostra máis, segundo sinalou Román Rodríguez, “do compromiso do Goberno galego coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica”. Ao respecto, explicou que esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).
De feito, a Consellería de Educación ten previsto un investimento de preto de 500 M€ “en obras en colexios e institutos de toda a xeografía galega ata 2028 no marco deste plan”, engadiu o representante da Xunta. “Trátase -afirmou- dunha inxección económica sen precedentes para crear novos centros e ampliar os que presentan máis demanda e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións”. Ao mesmo tempo, avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade.
As actuacións en detalle
As 16 obras licitadas nestes primeiros días do ano céntranse en ampliar a capacidade dos centros e na mellora das súas instalacións para facelas máis respectuosas co medio ambiente. Tres son ampliacións, unha decena son rehabilitacións integrais, dúas son cambios de cuberta e outra consiste no peche lateral dunha pista deportiva.
Obras nos centros escolares
Cun orzamento de máis de 4,4 M€, ampliaranse os institutos de Curtis, Lamas de Abade (Santiago de Compostela) e Muralla Romana (Lugo). No caso de Curtis (1,4 M€) construirase unha nova nave para talleres de mecánica de máis de 362 m² e mellorarase a eficiencia enerxética e confort da existente, entre outras medidas. A intervención no instituto compostelán (1,4 M€) aumentará nun andar unha das alas do edificio, mentres que no lucense (1,6 M€) construirase unha nova edificación que se conectará coa existente.
En canto ás rehabilitacións integrais, acometeranse no Colexio O Areal (Camariñas, 1,1 M €), CEIP A Gándara (Narón, 1,5 M€), CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro, 1,1 M€), no Centro Integrado de FP Leixa (Ferrol, 1,8 M€), no Instituto Sofía Casanova (Ferrol, 1,3 M€), no CEIP San Miguel de Reinante Barreiros (400.000 €), no CEIP O Seixo (Marín, 1,1 M€), no CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro, 711.000 €), no CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis, 1,1 M€) e no CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral (Vigo, 520.000 €).
Estas intervencións axústanse ás necesidades particulares de cada centro e inclúen desde cambios de cubertas e illamento térmico de fachadas con sistema SATE, ata renovación de fiestras, falsos teitos e luminarias, todas elas encamiñadas a mellorar o confort térmico de alumnado, profesorado e persoal non docente ao tempo que se reduce o consumo. Complétanse con outras actuacións que precise a comunidade escolar, como a mellora da accesibilidade ou pequenos traballos de acondicionamento.
En canto aos cambios de cuberta, realizaranse no IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 700.000 €) e no CEIP Plurilingüe O Cruce (Cerceda, 525.000 €). No primeiro caso a nova cuberta irá aparafusada á estrutura de madeira existente, con posterior colocación de tella curva do país, dado o carácter histórico do centro. En Cerceda a nova cubrición será de panel sándwich, sistema idéntico ás cubertas que xa foron mudadas.
No IES de Porto do Son o orzamento é de 280.000 € para o peche lateral da pista deportiva con paneis prefabricados de formigón e chapa ondulada microperforada de aluminio. Tamén se instalarán canlóns e baixantes e colocarase nova cuberta nos vestiarios.

