A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reiterou hoxe que o borrador da nova planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica «chega tardísimo» e está «ralentizando o desenvolvemento industrial en España».
Lorenzana informou hoxe de que o Goberno galego vén de presentar as alegacións a este documento que onte mesmo avaliou o Consello da Xunta e que, dixo, «discrimina Galicia cun investimento moi pobre de pouco máis de 200 millóns de euros, en torno ao 2 por cento dun total de máis de 13.000 millóns».
A conselleira explicou que o que Galicia demanda é fortalecer toda a rede de transporte eléctrico na comunidade e, fundamentalmente, naquelas zonas que resultan máis prexudicadas coa planificación proposta, como a zona centro e oeste da provincia de Lugo “que queda condenada a que non existan grandes e medianas empresas”, dixo, así como a zona de Curtis-Teixeiro e as de transición xusta nas Pontes e Meirama.
“É unha tristeza ver que o Goberno de España, que está agora mesmo distraído noutros temas que nada teñen que ver coa xestión do país e co seu desenvolvemento económico, non pode atender un problema principal como é o transporte de enerxía para os proxectos industriais e que, polo tanto, está deixando pasar uns anos que son fundamentais para atraer novos investimentos”, dixo.

