martes, diciembre 9, 2025
InicioNewsAsí é o plan da Xunta para impulsar a rehabilitación de vivendas...

Así é o plan da Xunta para impulsar a rehabilitación de vivendas e adaptar locais baleiros no rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou un novo plan “para impulsar a rehabilitación de vivendas e converter locais baleiros en fogares nos municipios de menos de 5.000 habitantes”. Unha nova liña de axudas que contará cun orzamento de 5 millóns de euros ata 2027, dos que 3 millóns se concentrarán na convocatoria do vindeiro ano.

Rueda explicou que a medida enmárcase na aposta da Xunta de ampliar a oferta de vivendas a disposición da cidadanía a través, entre outras medidas, da rehabilitación e salientou que as achegas poderán alcanzar os 30.000 euros e o 75 % do orzamento da obra de renovación.

Con esta nova iniciativa do Goberno galego trátase de fomentar a vida nos municipios de menos de 5.000 habitantes mediante o outorgamento de axudas “dirixidas á rehabilitación e rematar vivendas inacabadas” situadas nos mesmos, así como así como ás actuacións dirixidas ao cambio de uso de locais e entreplantas situados nos mesmos para destinalos a vivenda, para destinalas a residencia habitual e permanente das persoas propietarias ou ao seu alugueiro.

Dentro das actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostenibilidade e eficiencia enerxética das vivendas, así como as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

No custo total das actuacións subvencionables poderase incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, e os gatos derivados da tramitación administrativa. Así mesmo, no custo total das actuacións poderanse incluír os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, debidamente xustificados.

Tal e como explicou Rueda, as vivendas, locais e entreplantas obxecto das actuacións deberán, ademais de estar situadas nun concello da comunidade con poboación inferior a 5.000 habitantes, dedicarse “a residencia habitual ou alugueiro a prezo taxado durante polo menos cinco anos”.

No caso de que as vivendas se rehabiliten para o alugueiro, non poderán estar afectadas por ningunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento. Neste suposto,  a obtención da condición de beneficiario determinará a incorporación da vivenda no programa Fogar Vivo da Xunta, que ten como obxectivo a posta no mercado de alugamento, a prezos accesibles, do maior número posible de vivendas baleiras de titularidade privada, cuxo prezo de alugueiro mensual non poderá superar os límites establecidos na convocatoria.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes e que acrediten ingresos non superiores a 6,5 veces o Iprem.

No caso de que as vivendas se vaian a destinar ao alugueiro non será de aplicación o citado límite de ingresos.

As axudas poderán acadar ata o 75 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por vivenda.

Prazos

A Xunta prevé publicar nos próximos días a convocatoria do novo programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural, con financiamento plurianual, cuxo prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo de solicitudes desta primeira convocatoria rematará o 1 de setembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario. Esta primeira convocatoria para o 2026 está dota cun orzamento de 3 M€.

As actuacións subvencionables desta convocatora á rehabilitación, terminación ou ampliación das vivendas nos municipios do rural, así como as actuacións dirixidas ao cambio de uso de locais e entreplantas situados nos mesmos para destinalos a fogares, non poderán estar iniciadas na data de publicación da correspondente convocatoria de axudas.

O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de 18 meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Estas axudas da Xunta serán compatibles coas axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar do programa Fogar Vivo, e coas axudas do programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas subvencións non se poderán compatibilizar coas axudas para a adecuación e reparación das vivendas do programa Fogar Vivo, nin con calquera outra axuda de rehabilitación de vivendas xestionadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS