Despois de máis de 60 días en folga indefinida, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas anunciaron que suspenden o paro. Suspenden o paro, pero avisan que “se a empresa non cumpre o que acordamos, o día 2 de xaneiro estamos de novo na rúa”.
Neste contexto, os grupos da oposición sinalan que a “suspensión da folga do SAF evidencia o incumprimento do contrato“, en referencia á empresa concesionaria do servizo, Óbolo, e critican a “manipulación do Concello”. Do mesmo xeito, avisan de que “estarán vixiantes para que cumpran co acordo”.
“Soberbia e despotismo”
O BNG, o líder da oposición en Ponteareas, amosou a súa satisfacción ante o acordo asinado entre as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e a empresa concesionaria, “que permite a suspensión temporal da folga”. En todo caso, a formación matiza que se trata dunha “satisfacción vixiante, xa que o acordo asinado concede o prazo dun mes para que a empresa cumpra coas obrigas establecidas”.
Os nacionalistas insisten en que “tras o intento do Partido Popular de presumir de diálogo ante a suspensión da folga, o BNG aclara que o acordo non foi grazas ao goberno local, senón grazas á presión das traballadoras que permaneceron en folga durante máis de 65 días fronte á inacción e ás provocacións de Nava Castro e a dereita”. Así, o Bloque lembra que “ante a soberbia, o despotismo e o descoñecemento de Nava Castro e Francisco Jesús, que se aliaron coa empresa, as traballadoras apartaron ao goberno local da mediación e solicitaron unha intervención profesional do Consello Galego de Relacións Laborais”.
“Nada máis lonxe da realidade”
Pola súa banda, o Partido Socialista acusan ao tripartito, liderado polo Partido Popular, de incompetencia e denuncia a “manipulación” do Concello. Así, a voceira dos socialistas en Ponteareas, Vanesa Fernández, apunta que “a decisión, lonxe de significar o fin do conflicto, busca facilitar unha última oportunidade para que se garantan todos os dereitos das profesionais e a correcta prestación do servizo ás persoas usuarias”.
Denuncian que “unha vez máis a falta de veracidade e responsabilidade do Concello, que difiundiu unha nota de prensa asegurando que
a folga estaba desconvocada e que os incumprimentos da empresa foran resoltos ao inicio do conflito” e “nada máis lonxe da realidade” porque “a día de hoxe seguen sen cumprirse aspectos fundamentais que a concesionaria está obrigada a respectar, algo que o goberno municipal coñece e que, con todo, prefire ocultar”.
“Vixiante coa empresa”
Deste Ponteareas en Común, explican que “apoiamos a decisión das traballadoras do SAF”, pero advirten que “estaremos vixiantes con que a empresa, Óbolo, cumpra co acordado”. Con todo, o concelleiro de PeC, Manoel Ucha, explica que “Óbolo ten máis problemas coas traballadoras a nivel nacional, non só en Ponteareas” e critican “as prácticas do Partido Popular e do goberno” durante este conflicto laboral “lanzando notas de prensa, cheas de mentira, é a dinámica que seguiron durante estos 60 días”.

