lunes, diciembre 1, 2025
InicioNewsComarcasO Concello de Ponteareas anuncia a desconvocatoria da folga do Servizo de...

O Concello de Ponteareas anuncia a desconvocatoria da folga do Servizo de Axuda no Fogar

O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, responsable do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), informa de que a folga convocada polo persoal do SAF queda desconvocada. O Concello agarda que, «co restablecemento do servizo, se normalice a situación e se poida continuar co labor esencial de atención ás persoas que máis o precisan», segundo indica a administración nun comunicado.

O contrato do SAF supón o maior investimento do Concello de Ponteareas, «co obxectivo de garantir apoio directo ás persoas dependentes». neste contexto, o Concello sinala que «as incidencias organizativas que motivaron a protesta xa foron resoltas, a maioría delas co comezo da folga, incluíndo a regularización de nóminas e cotizacións á Seguridade Social, a implantación dun sistema tecnolóxico de xestión do servizo, normalización do subministro de material hixiénico, roupa e papelería, contratación de novo persoal para reforzar o servizo, garantindo a atención continua ás persoas usuarias, activación dos servizos de fisioterapia e podoloxía e a entrega progresiva dos Programas Individuais de Atención (PIA), integrados no novo sistema informático».

Os acordos

O Concello explica nun comunicado enviado aos medios de comunicaicón que, entre algúns dos acordos asinados hoxe, está o establecemento dun mínimo do 60% do persoal a xornada completa e as traballadoras que no intre da sinatura teñen unha xornada superior ao 90% se lles ofrecerá a conversión a tempo completo. Ademais, a petición das traballadoras, a empresa concesionaria aceptará como horas extraordinarias todas as que pasen das 39 horas semanais. Ambas partes tamén se comprometeron a constituír o comité de Saúde e se dará difusión e formación á plantilla en relación aos protocolos de acoso. 

Nunha nota de prensa, goberno local apunta que «quere destacar o seu firme compromiso con este servizo e así o amosou ao sancionar á anterior empresa e rescindirlle o contrato, licitando un novo contrato que permitíu  o aumento do prezo por hora, o incremento do número de horas contratadas e a equiparación do gasto de gasolina ao das coidadoras municipais para conseguir beneficios para as prestadoras do servizo e eliminar as listas de agarda de grao II e III e convertendo contratos de media xornada en xornada completa».

O Concello reitera o seu compromiso «coas persoas usuarias do SAF e coa calidade do servizo, asegurando que o apoio ás persoas dependentes segue sendo unha prioridade absoluta». En definitiva, «o que máis nos preocupa e o que guía cada decisión é garantir un Servizo de Axuda no Fogar que responda ás necesidades reais da veciñanza, especialmente para cubrir con eficacia as demandas das persoas con grao III e grao II de dependencia, motivo polo que no seu momento se ampliou o contrato”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS