lunes, noviembre 10, 2025
InicioNewsO PaísA Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da...

A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra

A Xunta activa para mañá, martes 11 de novembro, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Actividade deportiva

Por este motivo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte a suspensión da actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados. A suspensión abarca das 09,00 horas de mañá martes ás 09,00 horas do mércores 12 de novembro.

Cando?

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde mañá no noroeste, oeste e suroeste da costa coruñesa e tamén nas Rías Baixas e no Miño, no litoral de Pontevedra. Agárdase vento do sur ao suroeste con ata forza 8 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata seis metros.  

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS