O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se regula o primeiro sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia, unha iniciativa que se porá á disposición de empresas, entidades, organizacións e mesmo cidadanía para que poidan compensar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos con capacidade para evitar ou capturar CO₂.
Esta iniciativa terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual no que se busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente, e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar emisións. Deste xeito, Galicia será pioneira en España, xa que contará en 2026 co primeiro mercado voluntario de carbono que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.
Entre as iniciativas que poderán integrarse no sistema e participar nestas transaccións estarían proxectos relacionados coa reforestación e conservación de bosques, restauración de ecosistemas mariños e costeiros, adopción de prácticas agrogandeiras rexenerativas ou impulso e uso de enerxías renovables, entre outros. Cada tonelada de CO₂ absorbida equivalerá a 1 crédito de carbono que se porá á disposición tanto dos propios beneficiarios como de persoas intermediarias.
Neste sentido, aínda que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír á neutralidade climática de Galicia —mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO₂ ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo—, suporá tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da comunidade en eidos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o enerxético.
Para facilitar as operacións entre os promotores dos proxectos e os beneficiarios que adquiran os créditos, porase en marcha unha plataforma electrónica que xestionará o novo mercado voluntario mediante transaccións verificables e certificadas, dotándoo así de trazabilidade e seguridade.
Con tal fin, antes da súa incorporación ao sistema, os proxectos serán sometidos a un proceso de validación inicial que os certifique como iniciativas de absorción de carbono e a unha validación continua posterior que acredite o cumprimento das accións previstas e dos créditos xerados.
O desenvolvemento da plataforma que dará soporte e garantirá a interoperabilidade do novo sistema de créditos de carbono farase no marco do SICLE CO₂, un dos oito proxectos galegos escollido este ano no marco da convocatoria de Compra Pública Innovadora, financiada nun 40% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e nun 60% con fondos europeos da liña FID, que busca apoiar solucións baseadas na I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas.
O decreto publicado hoxe tamén prevé crear un comité técnico para a avaliación das metodoloxías necesarias para o cálculo dos créditos de carbono de cada proxecto.
Coa posta en marcha do primeiro sistema voluntario de compra de créditos de carbono de Galicia, a Xunta quere contribuír a acadar o obxectivo da neutralidade climática no horizonte de 2040, incluído no proxecto da Lei do clima, e co que aspira a darlle rango legal a este compromiso.

