O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace a asinar convenios con 46 concellos para paliar os danos ocasionados polos incendios forestais deste ano por un importe de 5 millóns de euros.
“Damos un paso máis para estar ao carón dos concellos para que poidan reparar canto antes infraestruturas afectadas polos lumes e dos veciños que colaboraron con recursos propios na extinción dos incendios”, explicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Por iso, estas achegas poderán destinarse tanto a cubrir os danos nos bens municipais como os gastos derivados das actuacións realizadas polas administracións locais e pola veciñanza que colaborou na extinción.
Dos 5 millóns consignados a través dos convenios que se asinarán próximamente, 4,1 destinaranse a investimentos e os 900.000 euros restantes a gasto corrente. Tal e como explicou Calvo, das solicitudes recibidas, 41 son para cubrir investimentos, das cales 30 recibirán o 100% do financiamento, e 38 para gasto corrente, das cales a 32 se lles cobre a totalidade do custo.
Que cubre?
Entre os gastos que se prevé cubrir figuran obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados. Estas axudas tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental; ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir.
A maior parte dos concellos beneficiarios son da provincia de Ourense, con 35. A maiores, tres son da Coruña, outros tres son de Lugo e cinco de Pontevedra.
A medida forma parte do paquete de medidas aprobado a finais de agosto por un Consello extraordinario da Xunta para impulsar a reconstrución das zonas afectadas en Galicia pola vaga de lumes forestais deste ano. Nesta liña, Rueda lembrou que a Xunta xa ten concedidas e pagadas axudas en materia de vivendas, a empresas ou para a recuperación de espazos protexidos. “E temos o compromiso de aboar polo menos o 80% das 1.700 axudas solicitadas para explotacións agrogandeiras e forestais antes de que remate o ano”, indicou.

