Ourense será a cidade galega escollida pola Xunta para impulsar a creación dos primeiros refuxios climáticos de toda Galicia, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade climática e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
A decisión plasmarase antes de que remate o ano na sinatura dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ourense, un acordo de colaboración que foi autorizado hoxe polo Consello da Xunta.
Segundo indican desde a adminsitración autonómica, «trátase dunha experiencia inédita en Galicia e que se baseará no recurso á plantación de árbores, principalmente autóctonas, e na aplicación doutras solucións baseadas na natureza (como xardíns verticais ou elementos de auga) para combater os efectos do quecemento global nesta cidade, escollida por ser a que soporta as temperaturas máis extremas da comunidade e que se caracteriza, ademais, por ter un clima moi extremo, con invernos fríos e veráns moi cálidos durante os que a media das temperaturas máximas supera os 30 ºC tanto en xullo como en agosto».
Medio millón de euros
Cun investimento total de 450.000 euros, cómpre lembrar que o proxecto piloto que se levará a cabo en Ourense está enmarcado no Plan galego de refuxios climáticos e permitirá darlle continuidade e aplicación práctica ao convenio asinado a mediados do pasado mes de xuño entre a Universidade de Vigo, o Concello de Ourense e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O principal obxectivo deste primeiro convenio foi abordar o deseño, a montaxe e a proba dun dispositivo capaz de elaborar un mapa detallado coa localización das illas de calor existentes nos concellos—é dicir, zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón— co fin de definir e executar, a continuación, unha experiencia piloto a nivel local. Agora, cando os traballos por parte dos investigadores da Universidade de Vigo para desenvolver o mapa de illas de calor a nivel municipal xa están moi avanzados, a Xunta dá un paso máis para garantir que antes de que remate o ano se poida empezar a traballar no deseño e na execución dos primeiros refuxios climáticos na cidade de Ourense.
Cando e onde?
De feito, a previsión é que esta segunda fase do proxecto poida empezar a desenvolverse a finais de 2025, cunha análise preliminar do deseño das medidas que se van executar en Ourense e o compromiso de ter finalizados os traballos para a creación dos refuxios climáticos na cidade antes de que remate 2026.
Polo momento e tendo en conta a proposta feita polo Concello de Ourense e avalada pola UVigo, as actuacións proxectadas realizaranse na avenida Otero Pedraio, eixe principal de comunicación viaria no sector oriental da urbe. Esta zona carece na actualidade de arboredo de sombra consolidado, o que xera a exposición directa á radiación solar ao longo do día, especialmente en fachadas con orientación sur e sueste.
As actuacións propostas consisten en artellar un corredor verde lineal entre as rotondas norte e sur da citada avenida, o que permitirá reducir a temperatura superficial local arredor dos 3 ºC.
Para valorar a importancia desta iniciativa, cómpre lembrar que a existencia de refuxios climáticos e a aposta polos espazos verdes é vital para contar con lugares frescos e zonas de sombra para acoller a poboación máis vulnerable. De feito, o deseño dos refuxios climáticos precisa dun enfoque integral que teña en conta a adaptación dos ecosistemas ao quecemento global e a mellora da calidade de vida da cidadanía coa habilitación de espazos verdes frescos, saudables e funcionais.
Estes espazos verdes de nova creación, ademais de contribuíren a facer fronte ás vagas de calor cada vez máis frecuentes a nivel global, converteranse tamén nun elemento clave para velar pola biodiversidade da contorna, ao asegurar a conservación das especies autóctonas e a continuidade dos procesos ecolóxicos.
Proxecto piloto
Os resultados obtidos co desenvolvemento do proxecto piloto de Ourense poranse á disposición dos concellos de máis de 20.000 habitantes co fin de que poidan avalialos e lles sirva de guía para que poidan reproducir o modelo ou facer algo semellante adaptado ao seu territorio no caso de que o consideren oportuno. Este traballo complementará, ademais, o realizado pola Universidade de Vigo para o desenvolvemento dunha metodoloxía propia para elaborar mapas de calor e localizar refuxios climáticos.
Deste xeito, ambas as ferramentas facilitaranlles ás administracións locais galegas o deseño de proxectos de fomento das infraestruturas verdes e solucións naturais en espazos urbanos e periurbanos para facer fronte aos efectos do cambio climático, iniciativas coas cales, ademais, poderán optar a axudas económicas por parte da Xunta. Así, no marco da primeira convocatoria destas subvencións, este ano outorgáronse 42 achegas a 35 concellos por un importe total de 2 millóns de euros.