A Xunta e o Concello de Ourense impulsarán xuntos a construción dun gran parque canino na cidade, o primeiro destas características promovido polo Goberno autonómico na cidade. O acordo materializarase a través dun protocolo de colaboración que asinarán a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Goberno ourensán, tras recibir hoxe o visto e prace do Consello.
Segundo explican desde a administración autonómica, «a existencia destes lugares facilita o desenvolvemento das obrigas dos propietarios de animais de compañía xa que neles poden socializar con outros da súa especie e transitar con liberdade baixo a supervisión dos seus coidadores e coidadoras, en condicións de seguridade e sen causar danos ou molestias a ninguén, o que reforzará a súa atención, saúde e benestar«.
Nesa liña, cómpre lembrar que o Executivo autonómico se comprometeu a promover parques caninos nas sete grandes cidades que, por contaren con máis poboación, son tamén os municipios nos cales se ten identificado unha necesidade maior destes espazos dotacionais.
Segundo parque canino de Galicia da Xunta
A primeira entidade local en manifestar o seu interese por colaborar e beneficiarse desta iniciativa da Xunta foi o Concello de Ferrol, que xa asinou o convenio correspondente e puxo á disposición os terreos necesarios para poder facelo realidade. De feito, agárdase que, en breve, se poidan iniciar os traballos construtivos no polígono de Catabois.
O parque canino de Ourense, polo tanto, será o segundo en concretarse tras o acordo acadado entre a Administración local e a autonómica. Localizarase nun espazo público — o parque Angelita Paradela— que, na actualidade, funciona como zona verde de esparexemento veciñal, en terreos cedidos polo Concello, que ademais tamén facilitará os permisos municipais necesarios para a obra e farase cargo do seu posterior mantemento e xestión. O Executivo galego, pola súa parte, asumirá a redacción do proxecto e a posterior construción desta infraestrutura recreativa.
Como será?
O espazo proxectado ocupará unha superficie construída de aproximadamente 2.100 metros cadrados e, na falta de que se concreten os detalles de deseño no proxecto, estará equipado con diferentes elementos destinados a garantir o descanso, lecer e exercicio físico dos animais de compañía, así como o mobiliario necesario para os seus propietarios e propietarias.
Por último, cómpre subliñar que as cidades de Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela tamén amosaron o seu interese por contar cunha infraestrutura destas características nos seus respectivos concellos e actualmente a Consellería está analizando as propostas municipais.