lunes, septiembre 1, 2025
InicioNewsActualidadeTui pon a punto os centros educativos para o inicio dun novo...

Tui pon a punto os centros educativos para o inicio dun novo curso escolar

O Concello de Tui, a través da concellería de Ensino, Cultura e Mocidade, vén de executar obras de mellora e conservación nos nove centros educativos públicos do municipio preparándoos para o inicio dun novo curso escolar.

As obras, executadas con fondos propios, consistiron en labores de mantemento coma pintado, reparación de tellados e canlóns, ou pequenos arranxos, así coma traballos de roza.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, explica que todos os centros educativos tudenses, teñen moitos anos, nalgúns casos máis de 50, o que require cada vez un investimento maior para a conservación das instalacións e a súa adaptación aos requirimentos e necesidades dos novos plans educativos.

Entre as obras executadas nos últimos meses, aproveitando as vacacións estivais, estiveron as obras de mantemento no interior do edificio que alberga o Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Música Municipal, na Avenida da Concordia. No mesmo procedeuse ao pintado de todas as aulas e corredores, así coma a colocación dunha banda de cortiza coma elemento protector. A estas actuacións sumáronse obras de reparación do tellado e canlóns do edificio.

No CEIP nº1 os traballos realizados consistiron no pintado de todo o corredor de Infantil, xunto a outros arranxos varios. Mentres no CEIP nº2 o Concello de Tui procedeu a acometer obras de subministro e colocación de canlóns, adecuación do espazo interior por fase da Casiña de Barro, arranxos varios e adecuación dos patios.

Nos nove centros educativos públicos tamén se realizaron distintas obras de mellora e arranxos de danos, así coma a instalación de enchufes, luminarias e porteiros automáticos. Tamén nestas semanas se procedeu a executar traballos de fontanería con melloras e arranxos de tubaxes, billas, substitución de elementos e revisión dos desaugadoiros.

Outro dos puntos de actuación estivo nos patios escolares arranxando elementos, substituíndo a area dos areeiros, realizando a limpeza destas instalacións, a roza, o mantemento e reparación do valado.

O Concello de Tui procedeu amais á substitución da cuberta e mellora da ventilación no pavillón do CEIP de Randufe cun investimento de 105.881,23€ financiados con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, expresa o seu desexo de poder ver realizada a necesaria reforma integral do CEIP de Pazos de Reis, agardando que poida ser unha realidade en 2026. Sobre este proxecto explica que o Concello de Tui deu licenza ao expediente desta actuación, que foi posto a dispor da Xunta de Galicia o pasado 4 de xullo.

Por último a concelleira Sonsoles Vicente, amosa, neste inicio dun novo curso, o compromiso municipal para seguir traballando, xunto coas ANPA’s e co asesoramento e apoio das direccións dos centros escolares, para “poder brindar espazos dignos, seguros, e coidados á comunidade educativa tudense”, amosando o seu convencemento en que “a educación pública é un ben común que entre todas e todos debemos coidar, protexer e fortalecer.»

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS