O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico xa completou con éxito os primeiros traballos e actuacións sobre o terreo co fin de minimizar o impacto dos arrastres ocasionados polos incendios forestais deste verán nos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Unhas medidas que enmarca na prioridade do Goberno autonómico por “previr as posibles consecuencias dos lumes” e “evitar que as cinzas cheguen aos ríos”.
Precisamente co fin de reducir ou evitar a chegada de cinzas á referida conca (a única de competencia autonómica das catro en que se divide a comunidade), Augas de Galicia vén despregando nas últimas semanas diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación nas contornas fluviais das zonas afectadas e ademais, xa ten definidas as próximas zonas de intervención e as actuacións a executar durante as vindeiras semanas.
O organismo hidráulico está a aplicar diferentes técnicas en función das características do propio terreo e das necesidades particulares de cada zona. Así, entre as principais cómpre subliñar a instalación de cordóns vexetais a base de polas e troncos procedentes do entorno afectado polo lume para crear entramados de biomasa que minimicen a perda de chan e favorezan a pronta implantación de especies vexetais, e tamén de barreiras de madeira, transversais ao curso da propio canle, en puntos con elevada pendente onde estas poden resultar efectivas para reducir a velocidade da auga e fixar arrastres.
Segundo indican desde a Xunta de Galicia, son actuacións teñen un carácter especial por mor dos incendios, polo que nas últimas semanas o operativo habitual dedicado ao mantemento e conservación das contornas fluviais de Galicia-Costa ten orde de darlle prioridade á protección das canles ante posibles arrastres de cinza e de restos de madeira queimada.
En concreto, tal e como explicou o presidente, no concello de Ponteceso “xa se implementou un entramado de biomasa feito a base de polas e troncos nun tramo máis de 400 metros no rego de Bouzas”, en ambas marxes, para anticiparse a posibles escorrentías. Así mesmo, persoal do programa de conservación fluvial de Augas de Galicia tamén actuou en Lousame para evitar arrastres ao río Tállara, “construíndo cordóns de vexetación de ata 50 centímetros nas zonas de monte con maior pendente” e colocando barreiras na propia canle para reducir a velocidade da auga e fixar os posibles arrastres.
En canto ás actuacións actualmente en marcha, Rueda indicou que en Meaño se están instalando, no río Chanca, 350 metros de cordóns de madeira e 25 metros de albarradas e a curto prazo, os técnicos do organismo hidráulico seguirán acometendo actuacións noutros puntos de Galicia afectados polos incendios das últimas semanas, “como Vilaboa e Agolada”.
Unha conca con máis de 2 millóns de habitantes
Galicia divídese en catro demarcacións hidrográficas: Galicia-Costa, Cantábrico Occidental, Miño-Sil e Douro. Esta distribución explica por que a xestión das contornas fluviais é desigual en Galicia, unha circunstancia que afecta á relación desa xestión cos incendios e ás súas consecuencias sobre os recursos hídricos.
As competencias de Augas de Galicia en materia de mantemento en conservación fluvial limítanse ao ámbito da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que se estende ao longo de 12.990 km2, con 14.700 km de rede fluvial. Nesta conca hai un total de 2.070.645 habitantes que viven repartidos entre 182 concellos, o que representa máis da metade da poboación e dos municipios que hai no conxunto da comunidade.
Rueda lembrou que Augas de Galicia realiza tarefas de conservación e mantemento fluvial durante todo o ano con medidas coma “retirar a biomasa morta” nas contornas dos ríos. Medidas que facilitan actuar de urxencia en caso de que resulte necesario, como sucedeu tras a vaga de lumes deste verán. De feito, só este ano Augas de Galicia conta cunha partida orzamentaria de 2,7 millóns de euros reservada á realización deste tipo de labores, unha dotación que nos últimos exercicios estivo en constante crecemento.
Asemade, como organismo de conca, Augas de Galicia permite que se leven a cabo podas e clarexos de ata o 30%, ademais da retirada de vexetación morta como medidas para protexer o dominio público hidráulico de Galicia-Costa. Finalmente, cómpre lembrar que as normas autonómicas son máis claras e permiten unha xestión máis áxil, en comparación coa lexislación que aplica o Goberno central nas demarcacións da súa competencia.
Ademais, ao terminar o Consello da Xunta de Galicia, o presidente Alfonso Rueda indicou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén contactos coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (a outra grande conca da comunidade) para compartir a súa experiencia e as accións que leva semanas executando sobre o terreo para abordar a xestión das contornas fluviais das zonas máis afectadas polo lume dentro da demarcación Galicia-Costa e ten previsto manter unha reunión para coordinar posibles actuacións, aínda pendente de data.