A Policía Local da Coruña detivo esta mañá ao autor dun atropelo múltiple acontecido ás 12.15 horas da mañá no paso peonil regulado por semáforo de Juana de Vega con praza de Mina. O atropelo causou feridas de diversa consideración a seis persoas que nese momento cruzaban correctamente polo paso peonil. Foron trasladados polo 061 a distintos centros médicos e hospitalarios da cidade.
O condutor, nacido en 1974 e con domicilio na Coruña, estaba aparcado nunha área reservada de Juana de Vega e arrincou o coche cando as persoas comezaron a cruzar, segundo el mesmo recoñeceu aos axentes. Os feridos son persoas de distintas procedencias, a máis nova é unha nena nacida no 2021 e o de maior idade, de 1950.
O home foi detido e nas últimas horas se lle practicaron as correspondentes probas de drogas e alcohol. Está previsto que sexa examinado por persoal sanitario para a súa avaliación médica e psiquátrica.