O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo e os concelleiros Rosario Costas e Marcos Martínez, achegáronse esta mañá ao sendeiro do Louro para visitar os traballos de reforma integral que se están a realizar nas pasarelas de madeira sobre o río ao abeiro do programa “O Noso Encontro co Emprego”
O alumnado deste programa comezou os labores de rehabilitación na ponte máis próxima ao albergue de peregrinos e continuará polas dúas restantes, logo de que na primavera xa arranxaran a primeira delas. Durante esta mañá, acompañounos tamén José María García, titor deste innovador programa de formación e emprego dirixido a mozos menores de 30 anos, beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil,
Trátase dunha actuación cunha dobre finalidade, por unha parte, o alumando pon en práctica os coñecementos teóricos adquiridos na especialidade de carpintería; e, por outra banda, «realízase un ben para toda a cidadanía, mellorando a seguridade e o acceso a esta zona tan transitada», segundo inican desde o Concello.
Precisamente o alcalde, durante a visita, destacou este dobre valor, “este tipo de programas non só ofrecen á nosa mocidade unha saída laboral real en sectores con alta demanda, senón que tamén reverten directamente na mellora das infraestruturas públicas que empregamos a diario”.
Xunto con esta especialidade de carpintería de madeira desenvólvese outra de albanelería, cuxa parte práctica céntrase na urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executan novas beirarrúas. “O Noso Encontro co Emprego” supón unha inversión de máis de 480.000 euros dos cales 439.000 son subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cubríndose a parte restante cunha achega municipal.
Paso restrinxido
Dende o Concello do Porriño lémbrase que, con motivo destas obras, o paso permanecerá restrinxido nas pontes nas que se estean a realizar puntualmente os traballos, o cal estará debidamente sinalizado dende os accesos ao sendeiro, informando de que o cruce dunha beira a outra do río deberá realizarse polas restantes pasarelas.