O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Centro de Coordinación Operativa Integrado (CECOPI) de Ourense, onde informou da desactivación do nivel 2 de emerxencia na provincia tras os incendios das últimas semanas. Subliñou que este paso foi posible grazas «ao traballo conxunto e á entrega de profesionais que actuaron en primeira liña para protexer vidas, vivendas e o monte galego».
O titular do Executivo galego agradeceu e destacou o labor desenvolto polos técnicos e bombeiros forestais, axentes medioambientais, persoal da UME e outras unidades do exército, profesionais e voluntarios de Protección Civil ou os axentes da Garda Civil, entre outros colectivos, que «permitiron avanzar de forma decisiva na estabilización da situación«. “Sen baixar a garda, pero as cousas melloraron grazas ao traballo de milleiros de profesionais” afirmou Rueda, quen asegurou que Galicia “conta co mellor dispositivo de extinción de incendios de España”.
Fase de desescalada
O presidente indicou que, en paralelo ao traballo de extinción e control dos lumes activos, se inicia agora unha fase de desescalada progresiva, con vixilancia permanente e dispositivos de prevención, e lembrou que os incendiarios son responsables criminais que atentan contra Galicia. Ata agora produciuse a detención de 12 persoas en relación cos incendios e hai outras 22 investigacións en curso, nas que participan tamén os integrantes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta. Nesta liña, asegurou que a Xunta manterá a colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade para que respondan ante a xustiza. “Os incendiarios deben saber que están sendo investigados por magníficos profesionais”, indicou Rueda, quen defende que “o peso da lei caia sobre os responsables” e isto evite que outras persoas prendan lume de xeito intencionado.
Axudas para as persoas afectadas polos incendios en Galicia
O presidente avanzou que o Goberno galego aprobará este mesmo venres, nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense, as axudas dirixidas ás persoas e concellos afectados polas consecuencias dos incendios. Estas medidas, “que serán publicadas de xeito inmediato para que os afectados poidan solicitalas e recibilas canto antes”, estarán orientadas á recuperación de vivendas e explotacións, así como ao apoio aos municipios que teñen por diante unha complexa tarefa de reconstrución.