“XoGal” é o nome da actividade que converterá a dez municipios galegos nun xogo de escape ao aire libre e gratuito. Trátase dunha iniciativa que pon en marcha os Grupos de Desenvolvemento Rural de Terra Chá, Montes e Vales Orientais así como o de Terras de Miranda e Seitura 22 xunto coa empresa da Guarda, Skeirrum. A proba terá lugar ao longo do mes de setembro e de outubro.
Segundo indican desde a empresa guardesa, trátase dun ciclo de escape rooms ao aire libre que propón explorar Galicia “dun xeito diferente“. A través de xogos, as persoas que participan descobren o patrimonio ao tempo que “desfrutan do rural”.
Serán un total de dez municipios os que forman parte desta primeira edición que ten como obxectivo que os veciños e as veciñas así como as persoas visitantes poidan coñecer a historia de Galicia, a súa cultura e a paisaxe “dun xeito participativo e divertido“.
Os dez municipios galegos
Os municipios que van a participar en XoGal, o escape room gratuito e ao aire libre, pertencen á provincia de Lugo e da Coruña. Trátase das localidades de Vilalba, Abadín, navia, Pedrafita do Cebreiro, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Na parte coruñesa, forman parte do proxecto os concello de Pontedeume, Ortugueira e Neda.
Calendario de xogos
- 28 de agosto en Vilalaba con “cabaleiros, revolta e túneles ocultos“
- 5 de setembro en Pontedeume con “Pontedeume Viva“
- 19 de setembro en Neda con “Tesouros de Neda“
- 20 de setembro en Mondoñedo con “As Chaves da Historia“
- 27 de setembro en Ribadeo con “Ribadeo Ilustrado“
- 4 de outubro en Viveiro con “As Portas de Viveiro“
- 10 de outubro en Navia con “A Lenda da Deusa Navia“
- 11 de outubro en Ortigueira con “Ritmos de Ortigueira“
- 19 de outubro en Pedrafita con “A Luz Vermella no Monte“
- 25 de ouutbro en Abadín con “Feira dos Santos de Gontán“
Como participar?
As persoas que desexen participar poden facelo a través dunha inscrición previa e gratuita a través da web de Skeirrum. Non hai límite de idade, pero as e os menores de 12 anos deberán ir acompañados. Ademais, haberá premios para as persoas máis rápidas en completar escape room.
Segundo indican desde a organización, a actividade funciona a través de códigos QR que se localizan nas oficinas de turismo dos dez concellos que participan en XoGal.

