martes, agosto 12, 2025
InicioNewsComarcasMil piragüistas tomarán o Miño este sábado

Mil piragüistas tomarán o Miño este sábado

Mil piragüistas tomarán o Miño este sábado coa celebración do XIV Descenso Popular e do LIV Descenso Internacional do Miño. Estas dúas probas volverán encher de cor as augas do río dende primeira hora da tarde nun evento con carácter deportivo pero tamén festivo

Este mediodía tivo lugar a presentación, na rúa Olímpicos Tudenses, coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do comandante naval do Miño, Víctor García, do xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, da directora técnica de deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, o concelleiro de deportes de Salvaterra do Miño, Edgar Martínez, o presidente do Club Kayak Tudense, Manuel Pedrares, xunto a outras autoridades e deportistas. 

No acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o compromiso do Concello de Tui co piragüismo en particular e co deporte en xeral, e nese senso indicaba que nos orzamentos municipais incrementaron a partida destinada a clubs deportivos. Tamén recoñeceu o labor do Kaiak Tudense na organización deste evento, que afirmaba “será un éxito”. Amais Enrique Cabaleiro asumiu o compromiso de converter o Descenso non só nun referente no ámbito deportivo, senón tamén  na súa dimensión festiva e cultural.

Referente no piragüísmo internacional

O xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, destacou a Tui e ao Kaiak Tudense coma referente no piragüismo a nivel internacional. A directora de Deportes da Xunta, Xisela Aranda,  pola súa banda indicou que esta proba engloba o alto rendemento, acerca o deporte ás persoas que queren disfrutar desta práctica deportiva e coñecer a zona, e o turismo deportivo. Aludiu tamén ao obxectivo de ser a provincia do Deporte. 

O comandante Naval do Miño, Víctor García, amosou o seu orgullo por colaborar neste evento e en todos os “os que se nos queira facer partícipes”. Tamén destacou que esta proba “engrandece a zona, o río e a cidade”. 

Edgar Martínez, concelleiro de Deportes de Salvaterra, deu conta do orgullo de poder colaborar neste evento que sairá dende Salvaterra da Miño, e que promove tamén o turismo deportivo. 

Manuel Pedrares, que se estreaba nun acto público coma presidente do Club Kaiak Tudense, repasou o programa previsto que comezará xa ás 12 h coa romaría popular na ribeira de Caldelas. Dende este punto sairá ás 16 h o Descenso Internacional no que este ano están inscritas 480 persoas. Dúas horas despois, ás 18 h, dende as inmediacións da Ponte Internacional de Salvaterra terá lugar, dende terra, a espectacular saída do Descenso Internacional na súa 54 edición.  A día de hoxe están inscritos 512 deportistas pertencentes a 42 clubs de España, Portugal e Arxentina. 

O Ría de Aldán, o Ciudad de Pontevedra e o Ponte de Lima, tendo en conta a alta participación coa que competirán, poderán ser o gañadores do  Descenso por clubs.  

Mentres Felipe e Jaime Dobarro do Club Naval de Pontevedra, e Adrián e Raul Prada do Piragüismo Rías Baixas de Boiro parten  coma favoritos en K2. En K1 parten con opción de podio  Iván Alonso e Izan Aliaga do Piragüismo As Torres e Antonio Palmas do Piragüismo Vilaboa na categoría masculina, e Amaia Osaba do Piragüismo Pamplona e Uxía Rodríguez do Kaiak Tudense, na feminina.  Lara Feijoo e Carmen Villar do Kaiak Tudense e Francisca Malheiro e María Pereira do Ponte de Lima son favoritas no K2 senior feminino, e Fernando Busto das Torres Romería Vikinga en C1, e Ricardo Rodrigues Coelho e Rui Cristino Lacerda de Ponte de Lima en C2. 

O Miño vivirá así este sábado a súa gran festa do deporte. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS