viernes, agosto 8, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas amplía a zona de aparcamento no Centro de Saúde

Ponteareas amplía a zona de aparcamento no Centro de Saúde

O Concello de Ponteareas, dende a concellería de Benestar social, vén de ampliar o aparcamento do Centro de Saúde con máis de dous mil metros cadrados. A ampliación permitirá dotar de 80 novas prazas de estacionamento preto do recinto.

Dende a concellería de Benestar Social, rexida por Raquel Plana, recordan «o compromiso da Xunta de construír un novo centro de saúde no municipio que dará asistencia a máis de 40.000 persoas e que xa se están a avanzar nos trámites para impulsar a redacción do proxecto».

Así, aseguran que este novo aparcamento trátase dunha «medida transitoria para este tempo no que continuamos traballando para ter un novo centro de saúde que será unha realidade, polo que optamos por arrendar un terreo próximo ao centro de saúde e totalmente plano para maior comodidade das e dos usuarios que cheguen en coche».

Novas accións para mellorar a atención sanitaria

Para atender a un maior número de pacientes, neste ano a Consellería de Sanidade instalou un punto de atención diagnóstica e terapéutica que permitíu ampliar o servizo con dúas consultas máis. Estas son medidas especiais de apoio ao servizo mentres prosigue o proceso administrativo para contar co novo centro de saúde.

A maiores, dende o goberno local recordan outras iniciativas de carácter sociosanitario realizadas polo Concello de Ponteareas que «promoven hábitos de vida saudable como ferramenta para a mellora da saúde física e mental das persoas» como as clases de ximnasia hipopresivos e relaxación ao aire libre na praia da Freixa, marcha nórdica, os obradoiros de memoria ou o proxecto europeo Health4kids.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS