miércoles, agosto 6, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas convoca unha liña de axudas para posibilitar o acceso á vivenda

Ponteareas convoca unha liña de axudas para posibilitar o acceso á vivenda

Ponteareas vén de crear a primeira liña de axudas do Concello co fin de posibilitar o acceso á vivenda e revitalizar as zonas despoboadas a través dunha bolsa de vivenda de alugueiro a prezos taxados.

As bases da convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e tras a súa aprobación o Concello de Ponteareas concederá axudas á propiedade por obras nas vivendas baleiras do rural e por obras de conversión dos baixos comerciais a vivenda no centro urbano que pasen a formar parte do programa de alugueiro a prezo taxado.

Con esta iniciativa o Concello quere «solventar o problema do acceso á vivenda á vez que revive zonas tanto do rural como do centro urbano» destinando para este fin un total de 75.000 euros que subvencionarán obras de mellora, acondicionamento e reconversión de baixo a vivenda.

En concreto, 45.000 euros serán destinados á liña de conversión de locais comercias en vivenda e posta en alugueiro e 30.000 euros á liña de rehabilitación e mobilización de vivendas baleiras no rural para alugueiro.

Máis de 1.700 vivendas baleiras en Ponteareas

Segundo os datos do Padrón Municipal de Ponteareas, a vila conta con 11.018 vivendas rexistradas, das que 1.755 están baleiras, o que representa aproximadamente o 15,9% do total.

Así mesmo, dende o goberno local aseguran que «existen numerosos locais comerciais sen uso que poderían ser reconvertidos en vivenda, reducindo así o abandono no tecido urbano».

“Non podemos mirar para outro lado, queremos que a nosa xuventude teña acceso a unha vivenda de alugueiro, que o rural recobre a vida porque temos un rural fermoso e que as persoas poidan ter vivenda digna a prezos asequibles tanto no centro urbano como nas parroquias”, explica a alcaldesa, Nava Castro.

Prezos e condicións

O prezo do alugueiro non excederá dos 500 € mensuais no primeiro ano do contrato, podendo actualizarse nos anos seguintes. A actualización da renda realizarase conforme ao previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.

Así, o Concello outorgará subvencións para a rehabilitación e adecuación de
vivendas baleiras que como mínimo non teñan residentes empadroados e/ou
contrato de alugueiro nos 6 meses anteriores á súa incorporación a este programa.

Tamén poderán incorporarse a este programa os inmobles situados no centro
urbano
, orixinariamente destinado a uso comercial, que poida transformarse en vivenda conforme á normativa urbanística e de habitabilidade vixente.

O importe da axuda será ata o máximo do 50 % do importe real e efectivo da obra e/ou equipamento, e de ser o caso, dos honorarios técnicos de redacción do proxecto ata un máximo de 5.000 euros para conversión de locais comerciais a vivendas e ata un máximo de 3.000 euros para as vivendas por todos estes conceptos descritos. O importe máximo da axuda de honorarios técnicos no poderá superar en ningún caso os 500 euros.

No caso de propietarios de varias vivendas, só poderá solicitarse unha axuda por
propietario ao ano
para estes gastos de honorarios, obra e/ou equipamento.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de
vivendas baleiras ou locais comerciais
situados no termo municipal de Ponteareas, que se comprometan a destinalos ao alugueiro a prezo taxado durante un período mínimo de 5 anos, e que non sexan titulares de máis de 3 inmobles.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS