A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo seu equipo de goberno, denunciou hoxe, xunto á veciñanza da parroquia de Louredo, a demora das actuacións no perigoso cruce de O Tablado, situado no punto quilométrico 148+650 da estrada N-550.
A alcaldesa Nidia Arévalo denuncia que, malia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou de forma definitiva o proxecto de trazado para a remodelación da intersección —tal e como se recolle no BOE do pasado 9 de outubro de 2024— non se está a cumprir o compromiso de avanzar na execución das obras, «a pesar de ser unha demanda histórica da veciñanza e do propio Concello de Mos».
“É inadmisible que pasen os anos, se aprobe un proxecto, se recoñeza a urxencia da actuación, e que sigamos sen ver nin unha soa máquina traballando”, declarou a rexedora. “Este camiño de reivindicación iniciouse hai moitos anos, pero a realidade é que seguimos igual, a desatención e a falta de comunicación é absoluta”, lamenta a rexedora.
“Fago un chamamento ao Ministerio de Fomento e ao subdelegado do Goberno en Pontevedra para que por favor atendan as peticións do Concello de Mos”, insistiu. “Non será por reivindicar, por protestar e por reclamar o que é noso. Imos estar aquí as veces que sexa necesario e cada vez seremos máis”.
Que contempla o proxecto?
O proxecto contempla desprazar a intersección actual uns 270 metros ao sur, mellorando así a visibilidade e a seguridade viaria. Tamén inclúe a creación de cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de espera e posibilidade de cambio de sentido, co obxectivo de reducir o alto risco de accidentes.
A alcaldesa esixe que se aceleren os trámites para a redacción do proxecto construtivo e a licitación inmediata da obra, valorada en 582.432,27 euros, e lembra que a intersección de O Tablado é unha das máis perigosas do municipio.
“Non podemos seguir agardando. Mos leva moito tempo loitando por esta actuación. O Goberno central debe dar a cara e cumprir co seu deber institucional”, concluíu Nidia Arévalo.