O Concello do Porriño personarase na causa xudicial para esclarecer que foi o que ocorreu este martes 28 de xullo na parroquia de Atios, onde un septuaxenario, presuntamente, asasinaou a unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar. A víctima, natural de Mos e veciña do Porriño, atendía á muller do home, encamada tras sufrir un ictus. Explicouno así o alcalde da localidade da Louriña, o popular Alejandro Lorenzo, quen e avanzou que “actuaremos con contundecia”.
Segundo indicou o rexedor nunha conferencia de prensa, a adminsitración local púxose en contacto coa empresa adxudicataria do servicio, Aralia, para coñecer se a traballadora informara sobre ese domicilio. Lorenzo indicou que a víctima, Teresa, trasladara a súa intención á empresa de non seguir prestando o servizo nesa vivenda, pero que ao Concello do Porriño non lle constaba esa denuncia.
Insistiu o alcalde en que “non existía constancia de ningunha denuncia previa” polo que, neste sentido, “fixo un chamamento directo para que os traballadores e traballadoras denuncien calquera situación de risco ou violencia ante os órganos competentes”. Así, pediu “a calquera traballadora ou traballador, sexa cal sexa o servizo que estea prestando no Concello ou non, que se ten constancia de calquera situación de risco, que denuncie. Desde o Concello actuaremos”.
O alcalde, segundo explicou na conferencia prensa, pediu un informe á empresa sobre a situación do servizo. Á vez, indicou que a adminsitración local “personarase na causa e, a partir das resolucións xudiciais, actuaremos con contundencia“.
Polo de agora, a empresa Aralia continuará realizando o Servizo de Axuda no Fogar porque é “un servizo que hai que seguir ofrecendo”.

En vixilancia psiquiátrica
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, indica que a previsión é que durante esta xornada se entreguen xa as dilixencias. Arestora, “o presunto asasino continúa no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en vixilancia psiquiátrica”.
Neste contexto, Losada quixo poñer o foco na “problemática dos enfermos psiquiátricos” posto que “estamos asistindo a casos onde fillos agreden a nais ou entre irmáns”. Isto demostra, segundo o subdelegado, que “a longa lista de espera de psiquiatría e as carencias na atención conduce a este tipo de situacións nas que, nun determinado momento, nos atopamos cun lamentable asasinato”.
De igual xeito, trasladou o pésame á familia de Teresa así como ás súas compañeiras de traballo. Apuntou que “o Servizo de Axuda no Fogar é esencial porque realizan unha labor que ten que ver coa axuda física, pero que vai moito máis alá posto que, ás veces, é a unica vinculación que teñen os usuarios” e criticou que se trata dun sistema que “ten moitos problemas e que afrontan os concellos” e que “isto repercute nas condicións laborais”. Censurou a posición da Xunta de Galicia de destinar as partidas cara outras cuestións.

