jueves, julio 24, 2025
InicioNewsO Goberno blinda a vendima 2025 en Ourense contra a entrada de...

O Goberno blinda a vendima 2025 en Ourense contra a entrada de uva foránea

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, anunciou un operativo especial de vixilancia co obxectivo de controlar a entrada de uva foránea de cara á vendima deste 2025, «con máis efectivos e maior presencia policial«, segundo indicou nunha reunión de coordinación celebrada esta mañá para garantir «un ano máis a máxima calidade dos viños das catro denominacións de orixe ourensás»

No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, os responsables desta institución, representantes da Xunta de Galicia, Forzas e Corpos de Seguridade e os catro Consellos Reguladores realizaron un intercambio de información e abordaron as necesidades existentes. Tras a reunión, Eladio Santos advertiu de que a entrada de uva foránea nas denominacións de orixe pode supoñer diversas consecuencias: a imposición de infraccións administrativas; responsabilidade penal por delitos de fraude alimentario; a expulsión dunha bodega da denominación de orixe; un importante prexuízo ao sector, e mesmo a introdución de pragas.

Control especial nas zonas limítrofes

O subdelegado agradeceu á Garda Civil, á Policía Nacional e á Policía Autonómica a súa absoluta coordinación para establecer os controis de vixilancia na busca da maior efectividade, dando prioridade á localización dos puntos quentes que requiren un control especial, como son as zonas limítrofes con outras comunidades autónomas e a fronteira con Portugal, así como o acceso ás adegas.

Así mesmo, Santos subliñou o compromiso do Goberno de España coa protección da autenticidade dos produtos con denominación de orixe. “O control da uva foránea implica unha defensa activa do prestixio dos nosos viños, de anos de esforzo dos viticultores e da confianza dos consumidores”, remarcou. Neste sentido, puxo en valor a importancia da colaboración coa Xunta para evitar as prácticas que poñan en perigo o sector.

Á reunión asistiron tamén o secretario xeral accidental da Subdelegación do Goberno, Félix Ríos; a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández; o director territorial de Medio Rural, José Antonio Armada; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; o inspector da Policía Nacional Francisco Javier Mangana; o subinspector xefe do Subgrupo da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma Miguel Ángel Mojón; a tenente xefa da Uprona, Covadonga García; a xefa de Protección Civil da Subdelegación, María Carmen Lodos; o xefe do departamento de Protección da Calidade Diferenciada, Raimundo Castaño; a presidenta Consello Regulador DO Ribeiro, Concha Iglesias; o presidente Consello Regulador DO Valdeorras, Marcos Prada; o presidente do Consello Regulador DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía; o presidente do Consello Regulador DO Monterrei; Manuel Vázquez, e o  xerente Consello Regulador DO Monterrei, Gonzalo Losada.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS