O Rosal xa ten todo listo para a súa Festa do Pilar de Verán 2025, unha celebración que durante catro días, do 24 ao 27 de xullo, «converterá a Praza do Calvario no centro da música, o baile, as actividades culturais e o entretemento para todos os públicos», segundo explican desde o Concello. O punto culminante será o concerto de The Rapants, acompañados pola Banda da Agrupación Musical do Rosal.
Programación Festa do Verán 2025 no Rosal
- Xoves 24 de xullo: A festa arranca ás 20:00 horas coa VII edición do Festival Xente Xida, un encontro no que participarán os Ventos de Comesaña, Abóbriga, os rosaleiros Lirolai e o infaltable Trebón dos Xidos. Como é tradición, non faltará o porco ao espeto, nunha noite pensada para o encontro e a gastronomía popular.
- Venres 25 de xullo: O día comezará cunha misa cantada polo Coro Ecos do Folón, seguida dunha procesión acompañada pola Banda da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR). Ás 16:00 horas celebrarase o VI Torneo de Xadrez Concello do Rosal nos xardíns do Concello, con cen participantes de todas as idades. Xa pola noite, ás 20:00 horas, terá lugar o Encontro dos Pobos, que traerá á rúa a música e os bailes tradicionais da man da Asociación Do Lusco e Fusco e Santa Columba, de Ribadelouro, e Itxas-Alde, do País Vasco.
O prato forte chegará ás 22:00 horas, co concerto de The Rapants, unha das bandas con máis proxección da escena galega actual. Os muradáns actuarán acompañados pola Banda da AMdOR, nun espectáculo único que promete encher a praza. A festa prolongarase co AMdOR Fest DJ’s, para quen queira seguir bailando.
- Sábado 26 de xullo: Ás 22:00 horas será a quenda do Septeto Santiaguero, unha das agrupacións máis recoñecidas da música tradicional cubana, gañadores de dous Premios Grammy Latinos. Traerán ao Rosal un espectáculo vibrante e cheo de sabor caribeño.
- Domingo 27 de xullo: Será o día dedicado aos máis pequenos. Ás 20:00 horas chegará Cuacac!, un espectáculo que mestura circo, teatro e danza cun personaxe torpe e entrañable como protagonista. Para pechar a festa, ás 22:30 horas proxectarase o clásico do cine mudo O Maquinista da General, de Buster Keaton, con música en directo do grupo Casperveck, que repite presenza tras o éxito do ano pasado.
Segundo explican desde o Concello, «a Festa do Pilar de Verán 2025 volve con forza e ilusión, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do Rosal. Un evento que combina tradición, innovación e celebración, facendo vila e comunidade durante catro días inesquecibles»
