Transcorridos apenas 3 días, concretamente, 60 horas, desde que se habilitase a descarga do bono turístico, o público en xeral xa se fixo cos 16.666 bonos turísticos que a Xunta de Galicia puxo en circulación para promover a desestacionalización do destino e favorecer que o turismo xere recursos e riqueza ao longo de todo o ano. Turismo de Galicia inviste nesta actuación 1M€ pero logra mobilizar un total de 2,5M€ que irán directamente ao sector.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, animaba este venres á súa descarga nunha visita a unha das empresas adheridas ao bono, Infinita Viaxes situada en Santiago de Compostela. Desde esa mesma mañá, ás 9,00 horas, os bonos estaban a disposición do público na web e transcorridas só tres horas desde a súa apertura, xa se contabilizaran 7.000 descargados.
O ritmo continuou o sábado e xa a primeira hora constaban 14.166 descargas. A última hora desa xornada, o número incrementouse ata os 15.436 bonos. O ritmo continuou o domingo ata as 21,00 horas cando se constatou a totalidade de descargas, isto é, 16.666 bonos por un importe total de 1M€. Cada bono ten un importe de 150€, dos que o 40% son financiados pola Xunta (60€) e o restante 60% polo usuario (90€). En total, mobilizaranse 2,5M€.
Os bonos poderanse desfrutar desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro, sendo esta unha iniciativa que contribúe a que haxa un maior fluxo de visitantes fóra da tempada alta e polo tanto á desestacionaliación do destino.
En canto ás empresas adheridas, ata o momento son un total de 271 establecementos e
empresas turísticas de toda a comunidade, pero teñen de prazo ata o 1 de decembro para
continuar facéndoo. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma
e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas
actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Deberán estar tamén dados
de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).