O Concello de Poio xa ten a súa primeira gran confirmación musical para a Festa do Mar de Combarro. A icónica banda madrileña Miss Caffeina visitará o municipio o venres 29 de agosto, cun directo gratuíto na Praza da Chousa. Unha cita imprescindible que formará parte da programación que o Concello de Poio está elaborando e que apostará, de novo, «por potenciar a orixe, a tradición e as identidades mariñeiras», segundo indican desde a adminsitración local.
Miss Caffeina é unha das bandas máis destacadas da escena musical española, coñecidos por grandes éxitos como “Merlí”, “Reina” ou “Mira como vuelo”. A súa canción “Cuando acabe el verano” foi elixida como a canción oficial da Volta Ciclista a España en 2024.
Tras anunciar o ano pasado un parón despois de catro anos intensos de xira continuada, a banda trae a Combarro unha nova proposta chea de enerxía e emoción. Miss Caffeina está a traballar no seu próximo álbum, “Buenasuerte”, que verá a luz en outubro e que levará o seu son a novos niveis. Xa se coñecen os primeiros singles deste novo traballo, “Debería estar brillando” e “Argumento de mierda”, que xa xeraron grande expectación.
Segundo destacan desde o Concello, «a banda destaca polo seu directo impecable e unha sensibilidade que desafía as etiquetas, demostrando por que é unha das bandas máis queridas, respectadas e relevantes do panorama musical actual».