lunes, julio 14, 2025
InicioO PaísA CoruñaÚltima chamada para percorrer a comunidade galega nos Trens Turísticos de Galicia

Última chamada para percorrer a comunidade galega nos Trens Turísticos de Galicia

A campaña de Trens Turísticos da Xunta de Galicia segue o seu percorrido este mes de xullo con varios dos traxectos practicamente vendidos. A inciativa conta cun nivel xeral de ocupación do 71,4% e aínda quedan algúns billetes libres, principalmente para as saídas de agosto, setembro e outubro.

Estas viaxes permiten ás persoas participantes gozar dunha experiencia singular que une o desprazamento en tren coa visita a lugares senlleiros da comunidade galega a través das diferentes rutas ofertadas. As rutas completas poden consultarse na páxina web de Turismo de Galicia.

Quedan aínda billetes para os trens das Rutas de Monterrei con saída prevista o 16 de agosto, a dos Pazos, con saídas o 19 de xullo e o 20 de setembro; Valdeorras, con saída o 30 de agosto e o 27 de outubro; Ribeiro, con prazas para o 26 de xullo; Ribeira Sacra polo Miño, para o 9 de agosto e o 20 de setembro; a dos Queixos, o 26 de xullo e o 4 de outubro, e a das Mariñas, con saída o 23 de agosto.

Pola contra, dous traxectos teñen xa o 100% de prazas cubertas. Trátase da Ruta dos Faros, que ten pendentes viaxes o 19 de xullo, 2 e 30 de agosto e 6 de setembro, con 64 prazas cada unha. Esta ruta realizou xa viaxes o 7 de xuño e o 5 de xullo e, en total, logrou una ocupación do 98,4%, sendo polo de agora a que mellor desempeño rexistrou. O segundo traxecto xa vendido foi a Ruta dos Mosteiros, que saiu este sábado con 100 persoas a bordo e que, con outra viaxe xa realizada o 14 de xuño, ten unha porcentaxe de ocupación sobre a oferta do 92,5%.

Tamén está xa case vendida a Ruta das Rías Baixas que, a falta da viaxe do 9 de agosto, constata xa un 100% de ocupación. Foi, ademais, un dos traxectos que colgou o cartel de completo no mes de xuño, cunha viaxe o día 28 con 100 prazas vendidas. Cubriuse tamén este mes o da Ribeira Sacra polo Sil, con saídas o 7 e o 21 de xuño nas que se ofertaron 52 prazas en cada saída. A Ruta das Camelias, xa finalizada, cubriu o 93,5% de prazas ofertadas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS