lunes, julio 14, 2025
InicioNewsO PaísGalicia alega contra a resolución do Ministerio que recorta nun 50% a...

Galicia alega contra a resolución do Ministerio que recorta nun 50% a captura da sardiña

Galicia remitiu un escrito este luns presentando alegacións ao borrador de Resolución da Secretaría Xeral de Pesca (SGP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O devandito borrador modifica a Resolución do pasado mes de marzo pola que se declara o inicio da pesqueira da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) en augas ibéricas da zona CIEM 8c e 9a e determinadas medidas de xestión para os buques de cerco, racú e piobardeira no caladoiro nacional Cantábrico e Noroeste para o 2025. O documento recolle un recorte do 50% nos topes de captura de sardiña prevista para esta frota.

A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, «en consenso co sector» segundo explican desde a Xunta, solicitou ao Ministerio que manteña os topes previstos na resolución do 18 de marzo. A Xunta alega que a proposta recollida no borrador prexudica a rendibilidade e estabilidade socioeconómica da frota cando o consumo de cota aínda está no 80%.

Así, alégase en base a factores de explotación e comercialización para sustentar a súa petición co obxectivo de garantir unha distribución axeitada das posibilidades de pesca.

No mesmo escrito, ínstase a adiantar un mes a data para o cálculo do sobrante de optimización para a frota do Golfo de Cádiz, que leva consumido polo momento só o 50% da cota. Tamén se solicita aplicar o mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca, establecido polo artigo 2 da Orde APA/315/2020, en favor da frota galega, computando as súas capturas á custa de dita cota dende o momento da súa autorización.

Por outra parte, a Consellería avoga por aplicar o artigo 8 da Orde no relativo aos intercambios de cotas con outros Estados membros. Deste xeito, e en virtude dos valores de consumo establecidos ata a data, levaríase a cabo con Portugal, dado que o país veciño precisa de cotas doutras especies distintas ás obxectivo da frota do cerco, que poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas.

Reparto inicial

A Resolución do 18 de marzo establecía a partir do 1 de xuño un tope para os buques con 8 ou máis tripulantes enrolados ou máis de 40GT, que dispoñan de comunicación electrónica de datos de captura, 10.000 quilos por buque e semana, dentro dos cales só poderá haber 1.600 quilos de sardiña entre 11 e 15 centímetros. Con todo, non se superarán os 5.000 quilos por día e buque. Se os buques non dispoñen de dita comunicación electrónica, o tope queda establecido en 2.000 quilos por buque e día natural dentro dos cales só poderá haber 400 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros.

Para o resto dos buques que dispoñan de comunicación electrónica de datos de captura 6.800 quilos por buque e semana, dentro dos cales só haberá un máximo de 1.600 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros. Ademais, non se superarán os 3.400 quilos por día e buque. Se os buques non contan con comunicación electrónica, o tope será de 1.500 quilos por buque e día natural nos cales só haberá un máximo de 400 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS