miércoles, julio 9, 2025
InicioNewsComarcasCivilizacións en pé de festa: O Porriño convértese na sede dos Xogos...

Civilizacións en pé de festa: O Porriño convértese na sede dos Xogos Olímpicos con Porrigalia 2025

O Concello do Porriño presentou esta mañá a IX edición de Porrigalia, a festa dos Xogos Olímpicos do Porriño. Este evento, que se celebrará os días 12 e 13 de xullo, converterá as rúas da vila nun escenario onde convivirán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos. A programación estará chea de música, espectáculos, gastronomía e actividades para todas as idades, prometendo converter O Porriño no epicentro da festa e da historia viva esta fin de semana.

O acto de presentación, celebrado na Praza Arquitecto Antonio Palacios, contou coa presenza de representantes da hostalería e do comercio local, así como de entidades sociais, culturais e deportivas que participan activamente na organización. Acompañados polos célebres Astérix, Obélix e Ideafix, déronse a coñecer os detalles que farán de Porrigalia un evento inesquecible.

Creatividade, humor e comunidade

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o carácter participativo e colectivo da celebración. «Porrigalia é unha festa feita por e para a xente do Porriño. É unha mostra da nosa creatividade, do noso humor e das ganas de pasalo ben en comunidade», sinalou Lorenzo, agradecendo o traballo e implicación de todas as asociacións, ANPAS, clubs deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible o crecemento da festa.

Os concelleiros de Cultura e Deportes, Bienvenido Estévez e Abel Estévez, animaron a toda a veciñanza a «poñerse a túnica, a coroa de loureiro ou o casco castrexo e saír á rúa para vivir esta experiencia única».

Programación destacada de Porrigalia 2025

  • Gran desfile e acendido da chama olímpica: O sábado 12 de xullo, ás 12:00 h, terá lugar o gran desfile da chama olímpica, que sairá do templete da rede de San Luis e chegará á Praza Arquitecto Antonio Palacios. Contará coa participación da Garda Romana (Legio X Gemina) e a recepción oficial do Rei Castrexo Pepo Suevos, acompañado por Tonhito de Poi.
  • Pregón oficial: Ás 13:00 h, o influencer Miguel Mandayo será o encargado de ler o pregón oficial e acender a chama olímpica. Neste acto, tamén se producirá o destronamento simbólico do alcalde por parte do rei castrexo.
  • Música e gastronomía: Tras o pregón, concerto de Pink Porris, banda de punk rock local. Ás 14:00 h, abrirán as tabernas da vila para o xantar popular e haberá un showcooking en directo na Praza do Concello, a cargo do cociñeiro Julio Mato.
  • Actividades para todos: Durante a tarde, haberá obradoiros infantís e exhibicións de voos de cetraría no Parque Infantil. Diferentes DJs amenizarán prazas da vila, con animación de rúa de Charangas como Fanfarria Furruxa e Batucadas.
  • Noite de sábado: Ás 19:30 h, celebrarase a competición das Olimpíadas Técnicas na Praza do Cristo. Ás 22:00 h, concerto de Os Mendigos (música medieval). Ás 23:30 h, a gran queimada popular co mítico Rei Panoramix, e ás 23:45 h, concerto de Los Kabrönes!!! + sesión DJ.
  • Domingo, día final: Arrancará ás 10:30 h co Gran Desfile Olímpico das cinco civilizacións. Ás 11:00 h, probas olímpicas na Praza do Cristo e animación de rúa. O grupo Louband actuará na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Pola tarde, obradoiros infantís e un concerto infantil dobre con Orquestra de Camarote e Oviravai. A actividade “Gladiator Kids” terá lugar na Praza 8 de Marzo. A noite pecharase co concerto de Los Hijos del Acorde e o espectáculo final “Errantes” da compañía Troula Animación. O broche de ouro será o concerto de Ortiga + sesión DJ.

O Concello do Porriño explica que reafirma «o seu compromiso co fomento da cultura, o deporte e a participación cidadá, e invita a toda a poboación a unirse a esta celebración que representa o espírito e a esencia da vila.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS