O pasado martes comezaban en Salvaterra de Miño as diferentes actividades e campamentos de conciliación que oferta o goberno local para o verán de 2025.
Campus de conciliación para nenos de entre 4 e 12 anos, o Campus de Conciliación temático para nenos e nenas de entre 10 e 16 anos e as clases de natación nas piscinas municipais, que abranguen todas as idades.
Así, no caso do Campus de Conciliación, preto de 200 nenos e nenas de entre catro e doce anos desfrutarán de actividades de ocio nos meses de xullo e agosto no CEIP Plurilingue Infante Felipe de Borbón, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Durante o verán os nenos e nenas realizarán actividades ao aire libre, manualidades, cociña, saídas, día da roda ou inchables.
A maiores, este ano dentro do Plan Corresponsables «Acompañámoste» o municipio acolle outro campus de conciliación indicado para nenos e nenas de entre os 10 e os 16 anos. O campus conta con catro temáticas diferentes repartidas por quincenas. Así, esta primera quincena está adicada ao deporte, e as seguintes levan por título «coñecendo a contorna», «aprendemos no verán» e «semana da ciencia».
Esta primeira quincena arrancou con 30 inscritos e as actividades lévanse a cabo nas instalacións deportivas do Casal e no Pavillón Cándido Carrera, onde a través de deportes e xogos divertidos fomentan a motricidade individual, o xogo en equipo e a vida saudable dun xeito lúdico.
Por último, as clases de natación da Piscina Municipal contan con 78 persoas inscritas para xullo e 65 para o mes de agosto.