viernes, junio 20, 2025
InicioNewsComarcasMos humaniza a contorna de San Miguel de Pereiras cun investimento de...

Mos humaniza a contorna de San Miguel de Pereiras cun investimento de 399.000 euros da Xunta de Galicia

O Director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, visitou este venres Mos para formalizar, xunto á alcaldesa Nidia Arévalo, a sinatura dun convenio por valor de 399.000 euros (IVE incluído) co obxectivo de financiar integramente os primeiros pasos do proxecto de humanización da contorna da Igrexa de San Miguel de Pereiras.

A contorna obxecto de intervención está situada dentro da área de protección de varios elementos catalogados no Patrimonio Cultural de Galicia, como a igrexa parroquial, construída no ano 1788, e o Castro de Pereiras. A actuación, coidadosamente deseñada, non intervirá sobre os elementos protexidos, senón que procurará poñelos en valor a través dunha transformación integral do espazo urbano.

Circulación peonil e humanización

O arquitecto do proxecto, José Luis Quintela Porro, interveu para explicar os principais traballos previstos, nos que se inclúe a pavimentación do ámbito con materiais como granito e formigón; unha plataforma única que favoreza a circulación peonil e reduza a velocidade dos vehículos, a xeración dunha nova zona de aparcamento e torreiro na zona inferior; a humanización do vial público Camiño dos Pazo, o soterramento de redes eléctricas e telefónicas, así como renovación das redes de pluviais, saneamento e auga ou unha nova rede de alumeado, zonas axardinadas, árbores e mobiliario urbano novo (bancos, papeleiras e contedores).

“Todo este entorno vai cambiar substancialmente”, adianta o arquitecto, quen apunta tamén que “tódalas decisións que se tomaron no proxecto, dende as especies do arboledo, materiais, pavimentos e demais, fixéronse seguindo os criterios de Patrimonio Cultural”.

1 millón de euros

«Este investimento supón un impulso decisivo para a transformación da parroquia de Pereiras», segundo explican desde o Concello, dentro dun proxecto global que se desenvolverá en dúas fases cun orzamento total de 1.200.000 euros, previsto entre 2025 e 2026.

A alcaldesa Nidia Arévalo subliñou durante a súa intervención que “con esta actuación facemos compatible a mellora da calidade urbana coa protección do noso patrimonio histórico, creando espazos máis humanos, accesibles e pensados para a convivencia”.

“Esta é unha grande obra, que ven a dar continuidade a ese Mos urbanizado que comezamos xa hai moitos anos, cando decidimos que había que poñer en valor os espazos aos que a xente acode, e tamén as estradas, para que non sexan soamente para os vehículos”, engadiu a rexedora, que subliña a importancia de que Mos conte con estradas onde se pense máis no peón.

“Nesta parte de Mos deseñamos un proxecto que comezaba con San Eleuterio, que hoxe xa é unha realidade, e que continúa con esta urbe de San Miguel de Pereiras e tamén cunha nova estrada, que estamos a piques de poñer en marcha”, apuntou a rexedora, que tamén quixo facer público o seu compromiso de que “dentro duns meses viremos a firmar a segunda parte, para que cando remate a lexislatura estea todo rematado, calculo que en decembro do 2026 ou xaneiro do 2027”.

“Este é un lugar emblemático porque é o lugar máis bonito de Pereiras e un dos lugares máis marabillosos de Mos”, concluíu Nidia Arévalo para cederlle a palabra a José Manuel Merelles: “Para min é una satisfacción comprobar como unha achega da Axencia Turismo de Galicia se vai poñer en valor unha contorna tan especial coma esta e poñela en valor, xa non so para os veciños e veciñas, senón tamén para os visitantes e para os peregrinos que circulan polo Camiño Portugués”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS