Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa sesión ordinaria desta semana concederlle á Universidade de Vigo a licenza urbanística para o proxecto básico e de execución dun edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus universitario de Ourense. O proxecto ten un orzamento de licitación material de 6.7222.689,08 euros.
O edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur do campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. Según recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) no mes de abril, «a licitación en trámite é para converter en realidade o deseño gañador do certame de ideas para o edificio que fixo a UVigo». Un concurso que gañou Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, cunha proposta bautizada como O Camaleón.
Como será o edificio de Aeronáutica en Ourense?
Tras gañar o concurso de ideas, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra. O novo edificio, duns 6364,88 metros cadrados construídos, contará con dez laboratorios docentes e oito laboratorios de investigación; catro aulas para 50 persoas, dúas aulas para 70 e outras dúas para 100 persoas; 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios, unha nave taller e un espazo de reserva para posibles futuras necesidades. A posta en marcha desta nova infraestrutura permitirá liberar espazos que noutros edificios se dedican actualmente a Aeroespacial e levar a cabo un reordenamento de usos do campus.

Desde a súa posta en marcha no curso 2016/2017, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que conta cunha das notas de acceso máis altas de Galicia cada curso académico, aspirou a contar cun edificio propio que albergase a súa actividade docente de grao e mestrado e a súa actividade investigadora. A apertura desta nova edificación agárdase que permita liberar espazos que noutros edificios do campus de Ourense se dedican a estas tarefas e levar a cabo un reordenamento de usos, «nun campus que cada curso académico está medrando en alumnado e titulacións e que polo tanto ve como medran as súas necesidades de espazo», segundo indican desde a Universidade.