A deseñadora de moda Uxía Loureiro Caamaño crea un vestido inspirado na súa colección “Corpus Christi” que vestirá a alcaldesa, Nava Castro na noite das alfombras de flores da noite do sábado 21 para o domingo 22.
A ponteareá, gañadora con esta colección do concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia, deseña e confecciona un modelo que rende homenaxe ao Corpus. A peza, será portada na recepción oficial de autoridades do día 21 ás 21:00 horas pola rexedora local, Nava Castro. Segundo explica a deseñadora, «as cores recordarán ao Corpus Christi facendo un «guiño» ao cartel desta edición».
Uxia Loureiro vén de traballar como patronista e deseñadora na cidade de Barcelona nunha coñecida firma de moda e actualmente conta coa súa propia marca chamada «Clouxi«.
“Sabedes que queremos amosar o noso apoio firme á xuventude e que deseñamos ao longo do ano distintas accións de promoción do emprego, de superación da primeira barreira laboral, de formación e tamén de visibilización do seu talento. Exemplo disto é o concurso Talento Xove que na súa segunda edición sobrepasou os 500 participantes e que a propia Uxía gañou na primeira edición na categoría deseño de moda”, explica a alcaldesa.
Crear plataformas de lanzamento e xerar oportunidades para a xuventudes son algúns dos obxectivos deste goberno, “que mellor oportunidade para presumir do talento das nosas mozas e mozos que o Corpus. Por este motivo Uxía volverá expor a súa colección Corpus Christi que a cidadanía poderá visitar e tamén creou un vestido que levarei orgullosa”.
O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, adianta que a colección “Corpus Christi” estará exposta diante da residencia Artistea esta fin de semana para que toda a cidadanía poida desfrutala, para abrila ao amplo número de visitantes que participará nas celebracións e cumprir tamén coa petición das e dos alfombristas que expresaron o seu desexo de expola nos días de Corpus.
A creadora, Uxía Loureiro, explica que “Corpus Christi” é unha colección que quere dar a coñecer as súas raíces e a súa festa tradicional, dándolle unha nova visión. Nela exponse a reciclaxe e aproveitamento de materiais que se dan por perdidos, para darlles unha segunda vida. Mediante a técnica do patchwork a través da cal se representa este costume, creando estampados aleatorios de flores».