martes, junio 17, 2025
InicioNewsActualidadeGalicia busca o Mellor Cociñeiro de Tapas 2025 con "Sete cidades, sete...

Galicia busca o Mellor Cociñeiro de Tapas 2025 con «Sete cidades, sete sabores»

Turismo de Galicia volve apostar por promover o turismo urbano a través da súa oferta gastronómica nunha campaña que culminará o 1 de xullo cunha gala na que sairá elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas 2025 de «Sete cidades, sete sabores» e da man dun cociñeiro por cada unha das cidades galegas.

Organizada pola Xunta de Galicia, trátase dunha iniciativa para atraer a ese visitante que fai escapadas en diferentes épocas do ano, «buscando experiencias culinarias, enfocándose na gastronomía local e a cultura relacionada coa comida», segundo explican desde a Xunta de Galicia.

Sete sabores en Vigo, na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra , Ourense e Santiago 

‘Sete cidades, sete sabores’ amosará a creatividade da gastronomía galega enmarcando estas experiencias nos recursos turísticos de Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña, «cidades atractivas e dinámicas con historia e cultura propias», indican desde Turismo de Galicia.

Os chefs representantes de cada cidade son: Álex Martínez e Mar López de Bacelo (Ferrol); José Luis Pardo de Orixe do Campo (Lugo); Paco Gómez de Pulpería Asador La Feira (Ourense); Daniel Bastos de La Marciana (Vigo); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Alejandro Ferreiro de O Sendeiro (Santiago de Compostela) e Vicenzo Amaddeo de Ama Italiana Contemporánea (A Coruña).  

Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que estará integrado José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostalaría de Galicia; Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar, Ana Méndez Gil, directora de Galicia Calidade, Adrián Pérez, chef de Restaurante Sinxelo y Coque Fariña Esperón, @mi_coqueteria, instagramer. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Por outra parte, o premio do xurado popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. 

Propostas por cidade

Así, por Ferrol, concursará a ‘Os Polos Opostos’ que elaborarán Álex Martínez e Mar Lago de O Bacelo. Catro anos hai que O Bacelo acendía por vez primeira os fogóns da súa cociña bilbaína, e esta é a segunda ocasión na que representa a Ferrol nesta gala. A súa proposta recupera un produto profundamente enraizado na tradición ferrolá: as cabezas de bacallau. Trátase dun pasteliño de filloa recheo de repolo fermentado, brandada de cabeza de bacallau, paté de chourizo ceboleiro e perlas de aceite de oliva.

Lugo concorre coa tapa que leva por título ‘Petisco larpeiro’, a cargo do chef José Luis Pardo de Orixe do Campo, un proxecto baseado nunha cociña que aposta polas razas autóctonas e o produto local de mercado. Petisco larpeiro preséntase sobre unha cama de cogombro caramelizado con viño do Ribeiro e panela, na que se sitúa unha capa de crema de aguacate, seguida dun tartar de vieira adubado cun aceite galego. O prato remata cunha coroa de caviar cítrico e unha emulsión de carabineiro e vieira.

Ourense opta ao certame coa tapa ‘Gamba na corte’, do chef: Paco Gómez de Pulpería Asador La Feira. Este cociñeiro do Carballiño conta cunha prolífica traxectoria profesional polo norte de España. ‘Gamba na corte’ é un xogo visual que sitúa unha gamba nun cortello, fusionando o mar e o campo. A proposta componse dun soporte de bacon fritido, unha gamba, crocante de porro, esferificacións de vinagre de pementos de Padrón, ovas de troita, kizami e flores. 

Vigo preséntase ao concurso coa tapa ‘Ondas do mar’, creación do chef Daniel Bastos de La Marciana. Tras unha tempada demostrando o seu bo facer en distintos establecementos da cidade olívica, arribou a La Marciana. ‘Ondas do mar’ é unha homenaxe ao seu avó, mariñeiro de profesión. Este prato, elaborado con salmonete curado á chama, emulsión de nécora galega e crocante de alga ramallo sobre unha chip de risotto de peixe de rocha, simboliza ese vínculo co mar e as artes tradicionais de pesca.

Pontevedra concursará coa proposta ‘Tomatún’, do chef Rubén González de El Cafetín de la Alameda. Tras curtirse nos fogóns do Parador de Baiona ou o Cenador de Salvador Gallego, en Madrid, volveu á cidade do Lérez onde converteu El Cafetín nun dos lugares de referencia para os foodies da cidade. ‘Tomatún’ consta dun dado de atún sobre un cremoso elaborado co mesmo peixe, que busca imitar visualmente unha rodiña de tomate. Complétase cun tomate recheo sobre unha base crocante, feita con auga e po do propio froito. 

Santiago de Compostela presenta a proposta ‘Bonito, millo e langostino’ do chef Alejandro Ferreiro de O Sendeiro. Comezou a súa carreira profesional en O Sendeiro, restaurante ao que volveu como xefe de cociña tras unha paréntese de dous anos no Asador O Pazo de Padrón. A tapa da capital de Galicia combina o gusto persoal deste cociñeiro coa filosofia da cociña de aproveitamento. Alejandro buscaba o acompañamento ideal para unha tortilla de millo fritida, e as ventrescas agardaban, listas, na alacena do restaurante. 

A Coruña concursará coa tapa ‘Ravioli recheo de chourizo ceboleiro’, do chef Vincenzo Amaddeo de AMA Italiana Contemporánea. Nado en Calabria e coruñés de adopción desde hai unha década, Vincenzo Amaddeo estableceuse na Coruña, onde deu vida a AMA Italiana Contemporánea, un proxecto culinario que fusiona a tradición gastronómica italiana coa riqueza da cociña galega. A tapa herculina presenta o seu ravioli recheo de chourizo ceboleiro de produción local lucense e dátil de Oriente Medio, acompañado dunha escuma de galmesano e un crumble de pemento da Vera.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS