lunes, junio 16, 2025
InicioNewsComarcasO Porriño inicia o proceso para ter escudo e bandeira oficiais

O Porriño inicia o proceso para ter escudo e bandeira oficiais

O Concello do Porriño vén de iniciar, a través do Servizo de Heráldica da Xunta de Galicia, o expediente para a elaboración e aprobación oficial do escudo e da bandeira municipais. «Trátase dun fito histórico para o municipio, que ata o de agora non contaba cunhas insignias heráldicas recoñecidas oficialmente», segundo indican desde a administración local.

O Goberno municipal deu comezo ao procedemento conforme á normativa vixente, regulada polo Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que establece que só os escudos e bandeiras aprobados oficialmente pola Xunta de Galicia poden ser utilizados como símbolos municipais. Este proceso garante o rigor histórico e heráldico, e impide que a súa elaboración responda a criterios arbitrarios ou persoais. 

A proposta do Porriño está a ser tramitada a través da Comisión de Heráldica da Xunta, órgano consultivo que se encarga de elaborar a memoria histórica e os deseños iniciais baseándose en feitos históricos, xeográficos e culturais característicos do municipio. A partir deste estudo técnico, a Comisión presentará varios propostas que servirán como base para a decisión definitiva. 

Elementos identitarios no Porriño

Entre os elementos identitarios que se valorarán para a súa posible inclusión atópanse o pan, o río e a ponte sobre o Louro, a industria ou o edificio do Concello, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, que celebrou o seu centenario no ano 2024. A creación dun escudo e bandeira recoñecidos supón tamén unha homenaxe ao legado histórico e patrimonial da vila. O obxectivo desta iniciativa é «ofrecer á veciñanza uns símbolos oficiais que reflictan a identidade, a historia, a tradición e o carácter propio do Porriño«.

A proposta definitiva será sometida á aprobación do Pleno Municipal unha vez completado o procedemento técnico e legal correspondente, e posteriormente enviada á Xunta de Galicia para a súa validación final.

«Memoria e orgullo colectivo»

“Este proceso é moito máis que un trámite institucional: é un exercicio de memoria e orgullo colectivo. O Porriño merecía dende hai tempo contar cun escudo e unha bandeira oficiais que nos representen dentro e fóra, e que recollan todo o que somos e de onde vimos. Queremos que a veciñanza se recoñeza neles e os sinta como propios.” 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS