Atrapar nun frasco o recendo das alfombras florais do Corpus Christi é o ambicioso encargo que o Concello de Ponteareas vén de facer a un dos narices máis prestixiosos de España, segundo explica o Concello. Trátase de David Gigirey, coñecido como “nariz de ouro”, quen participará nas celebracións deste ano co obxectivo de captar todos os matices dun perfume destinado a inmortalizar os aromas e emocións do Corpus Christi.
A alcaldesa Nava Castro e o seu grupo de goberno apostan «pola innovación, elevando esta celebración, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial, a novas dimensións sensoriais», segundo indican desde a adminsitración local.
Unha fragancia para o recordo
A arte efémera das alfombras florais logrará así pervivir máis alá do instante no que se pisa, desfolla ou manipula a árnica, o fiúncho, as cocas ou as flores. Esa esencia quedará conservada nunha fragancia que permitirá revivir, en calquera momento do ano, o espírito do Corpus.
Para desenvolver esta creación única, Gigirey desprazarase a Ponteareas para visitar os portais alfombristas, participar nas celebracións e mergullarse nas emocións, tradicións, botánica e simbolismo que conforman esta festa. O olfacto converterase así nun vehículo para o recordo, «para volver ao Corpus a través dos sentidos».
Neste contexto, a alcaldesa, Nava Castro, explica que “queremos que ese sentimento de orgullo e paixón polo noso Corpus Christi e pola tradición alfombrista vaia un paso máis aló, creando un produto que nos transporte directamente a ese mes máxico”.
«Na liña marcada polo goberno local de deseñar proxectos da man de profesionais de referencia», segundo explican desde o Concello, a administración local conta co talento do perfumista coruñés, con ampla traxectoria internacional. Fundador da perfumería de nicho Amusko, en A Coruña, comezou a súa andaina no mundo da cosmética de autor en Nova York no ano 2004, desenvolvendo desde entón proxectos en diversas cidades do mundo.
Este creador de emocións enfróntase agora ao reto de interpretar a sensibilidade das e dos alfombristas de Ponteareas e crear, con ingredientes naturais, unha fragancia que active os sentidos e nos transporte á alma do Corpus Christi.