O Concello de Redondela celebrará a súa semana grande coas Festas da Coca do 18 ao 22 de xuño. O municipio ofrecerá unha ampla programación con cinco días de festexos onde as tradicionais danzas das Espadas e as Penlas serán as protagonistas xunto coas alfombras florais.
A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que a esta tradición secular «súmase unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van dende a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Herdeiros da Crus e o Grupo América, pasando polas grandes orquestras con Panorama City e verbenas».
O mércores 18 de xuño, día de inicio da festa, os concertos correrán a cargo da Orquesta de Saxos de Redondela e a orquesta Panorama city. O xoves, festividade local en Redondela, as citas serán co grupo Uxía Lambona e a Banda Molona, para público infantil e familiar, e a orquesta Marbella.
Na xornada do sábado os concertos comezarán ás 22.00 horas con Gran Parada, para dar paso ás 01.00 a Grande Amore. O trío formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Grep presentará o seu disco “III”, avalado polo público e a crítica. O pica discos Rodri Vegas completará a oferta musical da noite.
Xa o domingo as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra Olympus. A alcaldesa, Digna Rivas, salienta tanto a «calidade da programación»
musical como “a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que
estarán presentes en toda a programación, xa que Redondela ten moito talento e é a nosa
obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como as
novos valores da música local”.
Rock Redondela
O tradicional certame Rock Redondela que se inclúe na programación da Festa da Coca ofrece este ano unha xornada con cinco concertos e máis de 7 horas da mellor música rock. Será o venres, 20 de xuño, no Campo da Feira, desde as 19.30 horas con entrada de balde.
Nesta ocasión son os redondeláns Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën os que subirán ao escenario para animar ao seu público. A mítica banda galega Herdeiros da Crus, que actuará a media noite, presentará o seu último álbum “Trankimasin” e América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos con dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 para pechar o festival.
Homenaxes a alfombristas, bailaríns e relevo das Penlas
O día 18, ás 18.00 será o momento da saída do desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón. A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Manuel Conde Docampo, coñecido como “Manolo Casa Paco”, referente no mundo do fútbol base en toda a bisbarra, e destaca pola súa activa implicación nas actividades culturais e tradicionais de Redondela.
A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, e as homenaxes ás persoas que traballaron nas alfombras florais e aos bailaríns da Danza das Espadas, antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.
O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao. O domingo será a quenda da patinaxe con “Patina na rúa” ás 19.00 na pista da Xunqueira.
Viaxes á Illa de San Simón
Co gallo da Festa da Coca os días 19, 21 e 22 organízanse viaxes en barco á illa de San Simón con visita guiada ao prezo de 6 euros por persoa. Haberá saídas desde o peirao do museo Meirande e desde o porto de Cesantes. Poden mercarse as entradas no museo Meirande (986 458 891), na oficina de turismo de Redondela (986 401 713) e en
www.crucerosangel.com