domingo, junio 1, 2025
InicioNewsComarcasRoberto Vilar será o pregoeiro da Festa da Rosa 2025 en Mos

Roberto Vilar será o pregoeiro da Festa da Rosa 2025 en Mos

O Pazo de Mos acolleu esta mañá a presentación oficial da programación das Festas da Rosa, que este ano celebran a súa 52ª edición, «reafirmándose como un dos eventos culturais e sociais máis significativos de toda a comarca», segundo explican desde o Concello. Ademais, o evento contará co humorista, actor e presentador galego Roberto Vilar como pregoeiro.

Na presentación dos actos, que tivo lugar no Pazo de Mos, a alcaldesa Nidia Arévalo estivo acompañada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, pola concelleira Sara Cebreiro, por Montserrat Troitiño, presidenta das Palilleiras de Mos; Carolina Estévez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña e Manuel Seijo, da Asociación de Hostaleiros de Mos, ademais de representantes da Fundación Pazo de Mos, da Comunidade de Montes e membros de diferentes asociacións e colectivos culturais, veciñais, sociais e deportivos do municipio.

Roberto Vilar pregoeiro da Festa da Rosa en Mos

“As Festas da Rosa son moito máis ca un evento lúdico, son o reflexo da identidade, da cultura e da unión do pobo de Mos”, precisou a rexedora, antes de desvelar o nome do pregoeiro deste ano, que será Roberto Vilar, que conduce na TVG o Land Rober.

Nesta edición, a celebración volverá estar marcada pola chegada dunha etapa da Volta Ciclista a España, «situando de novo a Mos no mapa deportivo internacional, o que representa un orgullo e unha responsabilidade para o concello anfitrión», explican desde a administración local. «Esta proxección dálle tamén un novo pulo á Festa da Rosa, cunha clara vocación de seguir medrando».

Presentación na Casa de Galicia en Madrid

“Quería darvos as grazas a todos por facer posible que esta festa sexa cada vez máis importante, porque hoxe fálase da Festa da Rosa fóra das nosas fronteiras”, precisou a rexedora, que anunciou tamén que o próximo 5 de xuño a Festa da Rosa vaise presentar na Casa de Galicia en Madrid.

“Hai moitas festas por Galicia adiante, pero en Mos está pasando algo, é ese tren que está continuamente funcionando, e cada vez ten máis vagóns e hoxe a Festa da Rosa é unha efeméride da que se fala en toda Galicia”, dixo Valentín García.

Programación da Festa da Rosa 2025

Os actos da programación deste ano arrincan o xoves, 12 de xuño, na Praza do Concello, cunha festa para escolares (10.00 a 13.00 horas). Pola tarde, de 17.00 a 19.00, está programada unha festa para as asociacións sociais. Ás 20.30, oficiarase unha misa cantada pola Coral Ventos do Val na Igresa de Petelos, e a continuación vaise procecer ao “chupinazo” do inicio da Festa da Rosa. Pola noite, a iso das 21.30, actuará a Orquestra América.

Concurso de rosas e empanada de millo

Unha das novidades deste ano é que os ramos para o concurso de rosas poderán entregarse xa dende o xoves día 12 pola tarde (de 18.00 a 21.00 horas) en Petelos, facilitando así unha maior participación da veciñanza no certame floral.

O venres, 13 de xuño, é o día grande das festas e os actos concéntranse no Pazo de Mos. Entre as 10.00 e as 11.30 horas estará aberta a recepción das rosas das empanadas de millo para os concursos. Ás 10.30 actuará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e ás 11.00 horas será a misa solemne na Igrexa Santa Eulalia de Mos. A continuación, procederase á ofrenda floral aos Marqueses de Mos, a lectura do pregón e o nomeamento dos valedores da Rosa, que este ano son a Asociación Galega Residentes De Mos En Bos Aires, Román Rodríguez, Manuel Carlos Mouriño, Ana María Pastor, Javier Guillén e Daniel Sánchez Arévalo. Por vez primeira na historia da festa haberá unha Valedora da Rosiña, que será a deportista Martina Sande Martíns.

Despois da entrega de premios, haberá tamén tempo para a exaltación da empanada de millo, a cargo da Asociación de Mulleres Rurais De Mos.

Actuación de Juan Magán en Mos e música DJ

Por fin, ás 22.00 o Pazo de Mos será o escenario do concerto estelar de Juan Magán, que contará tamén coa actuación dos DJ’s locais Traffic House e Samu Pexe, no que promete ser un espectáculo que durará cerca de cinco horas. Cabe destacar que este concerto será de balde.

Para poder conciliar neste día, que é festivo no municipio, o Concello pon en marcha o campamento de conciliación A Rosiña, que inclúe música, inchables, obradoiros e que será de balde para os alumnos e alumnas de infantil e primaria. As inscricións poden facerse ata o 9 de xuño no rexistro municipal ou a través da sede electrónica www.mos.es.

Pero os actos non rematan aí. O sábado, 14 de xuño, o Pazo de Mos será o escenario, ás 19.00 horas, do Festival Internacional da Rosa, no que participarán o  Grupo Nosa Terra de Pereiras, o ⁠Coro e Rondalla “Virgen de las lágrimas” Cabezo de Torres, de Murcia; e a ⁠Asociación Residentes de Mos en Bos Aires.

Ás 18.00 horas, no campo de fútbol de CotoTorrón disputase o Memorial Juan Estévez Nené. E ao día seguinte, 15 de xuño, terá lugar a segunda edición do Torneo de Fútbol As Rosas.

Outro dos actos destacados da programación será, o 21 de xuño, a IV Xuntanza Gastronómica “BaresMos”, no Pazo de Mos, nunha xornada que rematará coa actuación da Orquestra Panorama City.

E o sábado, 28 de xuño, o Pazo de Mos acolle, ás 21.00 horas, o Desfile de Palilleiras de Mos DesfilaMos e o V Concurso noveis deseñadores 2025. Ao día seguinte, 29 de xuño, a xornada estará dedicada á XVII Xuntanza de Palilleiras de Mos, tamén no Pazo de Mos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS