sábado, mayo 31, 2025
InicioNewsSanidade vacinará fronte a gonorrea a unha poboación diana de 10.000 persoas...

Sanidade vacinará fronte a gonorrea a unha poboación diana de 10.000 persoas en Galicia

A Xunta protexerá de forma pioneira á poboación fronte á gonorrea cunha vacina destinada á inmunización da meninxite B. Así o vén de informar desde a Consellería Sanidade nun comunicado no que apunta que desde o vindeiro 2 de xuño a administración autonómica comezará a vacinar as persoas menores de 65 anos con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual.

Por que se vacina contra a gonorrea en Galicia?

A Consellería de Sanidade explica que se adopta esta decisión «tras observar como se está a incrementar a incidencia anual gonococia na comunidade galega e nos países da contorna». En Galicia, a poboación diana que se estima achégase ás 10.000 persoas e se administrarán a aquelas con maior risco de padecer esta infección. 

Na actualidade, «malia non existir unha vacina específica para facer fronte ao gonococo, a evidencia científica ratifica a protección cruzada que ofrece a vacina 4CmenB empregada para protexer a poboación da Neisseria meninxite do serogrupo B» e «as bacterias que provocan ambas as enfermidades están estreitamente relacionadas xeneticamente ao pertencer ao mesmo xénero (Neisseria) e contar cunha homoloxía de secuencia próxima ao 90 %.

Así, entidades de recoñecido prestixio científico, como é o caso da Joint Committee on Vaccination and Immunisation (JCVI) recomendan o emprego desta vacina debido a súa composición.

Quen recibirá a vacina?

Segundo explican desde a Consellería de Sanidade, empregarase esta vacina contra a gonorrea no momento do diagnóstico dunha infección de transmisión sexual de relevancia epidemiolóxica como é a clamidia, mpox, treponema pallidum, gonorrea e VIH e naquelas persoas que teñan un diagnóstico recente.

Tamén recibirán a dose as persoas que recibiron profilaxe fronte ao VIH, ou outra infección de transmisión sexual, «pre ou post exposición en varias ocasións no último ano» e cando exista a sospeita clínica de gonorrea aínda que non se faga un diagnóstico etiolóxico. Igualmente, Sanidade administraralle a vacina ás persoas con antecedenes de dúas ou máis Infeccións de Transmisión Sexual nos últimos cinco anos.

Na procura da vacina

A Organización Mundial da Saúde (OMS) salienta a necesidade crítica de acadar unha vacina específica contra a gonorrea. «Aínda que en varios ensaios clínicos se exploraron distintos enfoques para lograla, ata o de agora aínda non se conseguiu», segundo indican desde a Xunta de Galicia.

Que é a gonorrea?

A Neisseria gonorrhoeae (gonococo) é un patóxeno humano obrigado (o único reservorio é o ser humano) causante da gonorrea, unha infección de transmisión sexual con máis de 82 millóns de casos en todo o mundo en 2020. 

Co obxectivo de previr a súa aparición, romper a cadea de transmisión e dobregar a taxa de infeccións gonocócicas, a Xunta «traballará para acadar altas coberturas de vacinación, acompañando esta iniciativa dunha importante campaña de comunicación na que se fomentará a vacinación, o seu diagnóstico precoz e as prácticas sexuais seguras».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS