Tras esgotar as máis de dez mil localidades do Coliseum da Coruña con máis de cinco meses de antelación, Quevedo anuncia unha nova data na cidade no marco da súa xira ‘Buenas Noches Tour’. As entradas para esta segunda cita, que terá lugar o 27 de setembro, estarán dispoñibles a partir das 15:00h deste mércores, 28 de maio, na plataforma en liña entradas.com.
Deste xeito, o Coliseum da Coruña acollerá o novo espectáculo do canario durante dúas noites consecutivas, nun evento que se perfila como unha das grandes citas musicais do ano no país, pois serán as únicas actuacións que faga este ano no noroeste peninsular. Este segundo directo, ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do ciclo de Concertos do Xacobeo, e coa colaboración do Concello da Coruña.
‘Buenas Noches Tour’ deu o pistoletazo de saída o pasado mes de febreiro en Madrid, onde o artista canario esgotou as entradas do Movistar Arena tres días seguidos. Desta volta, Quevedo presenta un «espectáculo único no que, a través dunha produción do máis alto nivel, o cantante consolida a súa madurez persoal e artística» segundo aseguran dende a organización.
Buenas Noches é o seu esperado segundo álbum de estudio, un traballo discográfico que que amosa «unha nova perspectiva de vida e do mundo ao seu redor»; e co cal o artista canario propón redefinir a escena internacional da música urbana en castelán.