Os concelleiros do Concello de Mos Camilo Grandal e Leo Costas comprobaron en Pereiras o avance da nova fase de execución das obras de saneamento con fondos propios que se está a realizar na devandita parroquia e que tamén prevé actuacións nas parroquias de Petelos, Tameiga, Torroso e Guizán.
Cando rematarán as obras?
Segundo explican desde o Concello de Mos está previsto que estas obras, que darán servizo a máis de 30 vivendas e que teñen un custe aproximado de 50.000 euros, estean rematadas antes da finalización do verán.
Nesta acometida, «trabállase nas conexións á rede xeral que non se puido realizar no seu momento por un problema de cotas ou pola súa complexidade e que agora permitirán conectar a estes grupos de casas ao colectores xerais do saneamento», tal e como indican desde a administración local. Esta fase de execución realízase con medios e operarios municipais, asumindo o Concello de Mos o orzamento desta fase de execución.
Estes traballos combínanse con outras obras de saneamento en diferentes parroquias que están tamén en licitación e contratación externa, como, por exemplo, as obras de saneamento en Cela, para os que hai aprobado un orzamento de 400.000 euros, ou os traballos que están a realizar tanto o Consorcio de Aguas Louro como Augas de Galicia no municipio.
Auga potable en Mos
Por outra banda, o Consorcio Augas do Louro vén de realizar melloras no abastecemento ao Concello de Mos, que inclúen tamén a O Porriño e Salceda.
As Melloras na ETAP de Os Valos e no depósito de A Risca tiveron un custe de 236.683,43 euros e as obras consistiron na instalación dunha válvula automática para regular o caudal de entrada á potabilizadora, a renovación e a adecuación á normativa de almacenamento de produtos químicos do sistema de dosificación de sosa e a instalación dun sistema de tubaxes e válvulas redutoras de presión para by-pass no depósito de A Risca.
Con estas melloras xa se está a reducir ata un 5% de perda de auga por alivio da potabilizadora. Nestes días estase tamén a renovar a área dos filtros de auga da potabilizadora, nunha actuación programada que suporá unha inversión de 13.780,05 euros e que permitirá seguir garantindo a calidade da auga tratada durante o período estival.