O Consello de Goberno da UDC foi o foro no que se analizou esta mañá a necesidade e idoneidade de que desde a Universidade da Coruña se inicie o proceso que permita implantar a titulación de Medicina na Coruña. Tal e como explicou ao remate do Consello de Goberno o reitor da UDC, Ricardo Cao, “consideramos que son moitas as razóns que fan deste un momento clave para traballar na implantación do Grao de Medicina para a Universidade da Coruña”.
CHUAC como referencia
Cao sinalou na súa intervención parte deses argumentos, entre os que destacou a necesidade de formar profesionais para o necesario relevo xeracional da próxima década, tendo en conta a crecente demanda social de novas especialidades profesionais de medicina nas que se teñan en conta novas técnicas e avances tecnolóxicos, a demanda formativa existente, que cifrou en 3.000 solicitudes para 403 prazas en Medicina en Galicia o ano pasado, e a capacidade académica, investigadora e tecnolóxica da Universidade da Coruña. Tamén aludiu á existencia dunha infraestrutura sanitaria de referencia como o CHUAC, hospital vinculado á UDC.
Cando se implantará o Grao en Medicina na Coruña?
Desde a Universidade da Coruña, explican que «este conxunto de factores súmase a existencia do instituto de investigación sanitaria mixto UDC-CHUAC, o INIBIC, que cumpre agora 10 anos da súa acreditación polo Instituto de Salud Carlos III e que conta con destacados proxectos de investigación». Todos eles, subliñou o reitor, “son elementos que nos permiten entender que estamos nun bo momento para empezar este proceso co obxectivo de que a existencia da titulación de Medicina na UDC poida ser unha realidade no curso 2027-2028”.
Con esta decisión, avalada polo Consello de Goberno da UDC, “damos o primeiro paso para acadar o título de Medicina para a UDC, de xeito que poidamos formar persoas preparadas para os retos da Medicina do século XXI, desde o compromiso co servizo público e coa excelencia académica que caracteriza aos equipos humanos desta universidade de do CHUAC”, salientou Cao, quen antes de rematar engadiu que “estamos convencidos de que esta iniciativa contribuirá de forma decisiva a reforzar o sistema sanitario e académico de Galicia”.
Área de Saúde na Universidade da Coruña
A UDC conta actualmente cunha Facultade de Ciencias da Saúde e ofrece así mesmo titulacións de grao en Enfermería, Fisioterapia, Terapia Ocupacional, Podoloxía, Logopedia e mestrados en Asistencia e Investigación Sanitaria, Neurociencia, Xerontoloxía, Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria, Biofabricación ou Bioinformática para as Ciencias da Saúde, todas titulacións «con programas formativos de alta calidade e alta demanda, que sen dúbida se verían beneficiados coa implantación dunha titulación central nas Ciencias da Saúde como é Medicina», finalizan dessde a entidade educativa.