O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar a sinatura dun Convenio Marco de Colaboración co prestixioso Círculo de Bellas Artes de Madrid (CBA), co obxectivo de establecer unha alianza institucional que permita desenvolver iniciativas conxuntas arredor da figura e da obra do arquitecto Antonio Palacios Ramilo.
Este acordo enmárcase dentro do proxecto Atlas Palacios 2024–2026, impulsado polo investigador José Manuel Mouriño, e permitirá a realización de actividades culturais, artísticas e de divulgación tanto en Galicia como en Madrid, no contexto do 150 aniversario do nacemento de Palacios e do centenario do edificio do CBA, deseñado polo propio arquitecto.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste convenio como “un paso máis na firme aposta do noso concello por reivindicar e difundir o legado de Antonio Palacios, unha figura esencial da arquitectura galega e española”. Engadiu tamén que “o diálogo cultural entre Galicia e Madrid ten en Palacios unha ponte natural, e este acordo permítenos reforzar esa ligazón a través da cultura, a arte e a memoria”.
Grazas a este convenio, o Concello do Porriño disporá, de forma periódica, de exhibicións audiovisuais, materiais didácticos, entrevistas, e documentación gráfica e patrimonial sobre a obra de Antonio Palacios, que se presentarán na sala de exposicións que o Concello adicará ao arquitecto. Estas accións realizaranse en coordinación co proxecto Atlas Palacios 2024–2026, co obxectivo de achegar á cidadanía o legado do creador porriñés desde unha perspectiva contemporánea e interdisciplinaria.
O Círculo de Bellas Artes e O Porriño
Así mesmo, o Círculo de Bellas Artes divulgará material, referencias documentais, imaxes e información sobre a obra de Antonio Palacios no Porriño, tanto na súa páxina web como noutras accións culturais e expositivas, «recoñecendo así o valor do patrimonio local e reforzando o papel do municipio como nodo activo no diálogo cultural entre Galicia e Madrid», segundo indican desde a adminsitración local.
A sinatura oficial do convenio realizarase nas vindeiras semanas, nun acto institucional que simbolizará o inicio desta colaboración estratéxica entre o Porriño e unha das entidades culturais máis recoñecidas do Estado.
Premios Antonio Palacios do Porriño
Duante o pleno municipal, e previamente tratados ambos puntos nunha comisión específica, figurou a aprobación da 2º edición dos Premios Antonio Palacios (os galardóns impulsados polo Concello para recoñecer as contribucións destacadas nos eidos da cultura, a empresa, o deporte e o compromiso social) e o cambio de nome de rúas do Porriño que, nos tres casos, identifican á muller e impulsan o feminismo no Concello.