O Concello de Ponteareas lanza, con máis dun ano de antelación, o concurso para escoller o cartel para a Corpus Christi de 2026 en Ponteareas. Segundo indican desde a administración local nun comunicado, «para chegar ao maior número de persoas o Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Turismo, publica as bases do deseño do cartel da Festa do Corpus 2026». Trátase «dun concurso público con xurado, aberto e anónimo no que poderá participar calquera persoa física maior de 18 anos de xeito individual”, explica a concelleira de Turismo, Raquel Bautista.
Requisitos para o cartel do Corpus 2026
Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as alfombras de flores que se realizan en Ponteareas con motivo desta festividade; as súas xentes, materiais, trazados ou deseños, entre outras cuestións relacionadas con esta celebración. Iso si, as e os participante deberán incluir no seu deseño obrigatoriamente a data de celebración “7 de xuño. Corpus Christi Ponteareas 2026” e a menor tamaño “Festa de Interese Turístico Internacional” e “Ben de Interese Cultural”. Na parte inferior do cartel terá que quedar libre unha franxa para colocar os logos da organización e patrocinadores.
Técnica
Cada persoa poderá presentar un máximo de dúas obras de creación propia, orixinal e inédita, de técnica libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica, sen uso de intelixencia artificial.
O prazo de inscrición comeza ao día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o día 15 de outubro de 2025.
Inscripción
As bases poderán consultarse na páxina web municipal (www.ponteareas.gal) e nas redes sociais de Cultura e Turismo Ponteareas e nas do Concello. As obras presentaranse no correo electrónico corpus@ponteareas.gal