O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o avance das obras da primeira fase da extensión do saneamento municipal a toda a parroquia de Ribadetea, en Ponteareas.
Trátase dunhas obras financiadas pola Xunta de Galicia cun importe de 1,3 millóns de euros (o 80 % do orzamento do proxecto) e que permitirán executar unha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede de Ribadetea, que conduce as súas augas residuais ata a estación de bombeo para dirixilas á depuradora da Moscadeira.
Ademais, o proxecto contempla a construción de dúas estacións de bombeo novas en Mourade e a Freixa, así como a renovación da xa existente na Freixa, xunto coa correspondente rede por impulsión existente. Trátase, segundo explicou o delegado territorial, dunha “base necesaria para dotar dun saneamento eficaz a preto de 1.000 veciños e veciñas da zona”, algo que, ademais, reducirá o risco de contaminación do río Tea.
Reguera puido comprobar na súa visita os avances da obra que actualmente se atopa na súa fase inicial: “Non cabe dúbida de que esta obra será un antes e un despois para os veciños das parroquias beneficiadas. Dende a Xunta seguiremos a colaborar cos concellos en proxectos que permitan implementar ou mellorar os servizos que ofrecen aos seus habitantes”.
Reducir a contaminación en Ponteareas
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu á Xunta de Galicia por este importante apoio indispensable para dar servizo a unha poboación de máis de 1.000 habitantes dá parroquia de Ribadetea: “Isto permitirá reducir os riscos de contaminación nas proximidades do río Tea, unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación e parte da Rede Natura 2000”. Nava Castro adiantou ademais que xa se está a traballar na redacción das seguintes fases e buscando os apoios e financiamento necesario.
As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.
Cómpre sinalar que para que o sistema de depuración actual poida ampliar a súa capacidade de tratamento e recibir as augas residuais da parroquia de Ribadetea é necesaria a construción da nova depuradora municipal e a mellora do sistema de saneamento, tal e como explica a Xunta de Galicia. Trátase dunha intervención na que tamén colabora a Xunta e o Concello e que impulsa Acuaes, por ser unha actuación declarada de interese xeral do Estado.
Con esta primeira fase das intervencións dotarase a futuro do servizo de saneamento a toda a parroquia de Ribadetea, tendo en conta que a urbanización da Freixa xa dispón deste servizo, ademais de resolver os problemas actuais, ao eliminar os sistemas individuais de saneamento existentes que presentan carencias.