O Concello de Salvaterra de Miño organiza un ano máis a súa tradicional festa da Noite de San Xoán, que terá lugar o vindeiro luns 23 de xuño. A celebración desta noite máxica terá lugar na explanada do recinto amurallado da vila e dará comezo ás 22:00h.
Alí, os e as asistentes poderán desfrutar de viño, pan e sardiñas a un prezo de 3 euros. Ademais, no lugar haberá mesas e cadeiras a disposición para que todos os presentes poidan pasar esta noite máxica en compañía dos veciños e veciñas da vila.
Unha vez chegada a media noite, procederase á queima da gran fogueira de San Xoán.
Dende o goberno local aseguran «estamos preparando todo para unha noite máxica» e animan a toda a veciñanza a asistir a esta festa na que «como vén sendo tradición, degustaremos as sardiñas pero tamén desfrutaremos en boa compañía e en familia dun ambiente de festa coa tradicional fogueira de media noite».
